viernes, 20 de enero de 2023

A INFANCIA MÁIS INFANTIL

O único bo dos insomnios é que, mentres un dá voltas e revoltas, a cabeza non deixa de dar aínda máis voltas. Onte, no insomnio que tiven de case tres horas, déuseme por pensar na miña infancia máis infantil; a da escola.


Da escola de párvulos tan só teño unha imaxe na memoria: a de estar parado (imaxino que co correspondente mandilón) na beirarrúa de enfronte da propia escola esperando non sei que. Da escola “dos grandes”, alí xa os recordos se acumulan e, hoxe, quéirase que non, escríboos con nostalxia. Aqueles pupitres de madeira, o encerado e o lapis de lousa (hoxe, os nenos nin saberán xa o que é unha máquina de escribir, imaxinade a pizarra e o pizarrín), a regra do mestre, de don Graciliano que, de cando en vez, probaba algún cativo coas palmas das mans abertas.

Os recreos eran o gran e o mellor momento do día. Xogando ó fútbol na estrada que vai de Baños de Molgas a Maceda, porque, na década dos 60 do século pasado, os coches aínda brillaban pola súa ausencia. Había recreos nos que non pasaba ningún. A chamada de don Graciliano á clase consistía en meter dous dedos de cada man na boca e asubiaba por nós. Sempre tiña que asubiar máis de dúas veces e incluso de tres. Porque neses momentos si nos faciamos os preguiceiros. Sobre de cando latabamos a escola, iso tocará outro día, porque ten o seu aquel. Ademais, á memoria hai que movela pouco para que non aceda.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 13 de xaneiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario