lunes, 23 de enero de 2023

MÁIS MORTO QUE VIVO

Saín da casa en forma de anuncio, cun cartel ben grande colgado dos ombreiros. No taboleiro de adiante escribira: Hai que cortar cabezas!. No taboleiro de atrás: Algún voluntario?

Tan axiña como entrei na Valenzá e a xente conseguiu ler o cartel, non me deixaron dar nin dous pasos. Empezaron a mallar en min coma nun saco de millo, coma cando se degrañaba cunha tranca ou cun estadullo este produto nese saco. Sen compaixón ningunha. E berrando. E dando con todo o que tiñan a man. E unha e outra vez.


Rompéronme os pés polos nocellos e as pernas polos xeonllos. Partíronme os brazos á altura dos cóbados. Arrincáronme a lingua. Furáronme un ollo. Mordéronme unha orella. Esmagáronme o nariz. Machacáronme o fígado. Rilláronme as asaduras. Fendéronme a cabeza. E mesmo, malditos!, me chegaron a capar. Penso que tan só me quedou algo útil o corazón, que latexaba. Debilmente, pero, agora mesmo, aínda latexa.

Estou nunha cama do hospital medio morto. Por dicir algo. Co ollo que me quedou vexo, no fondo da habitación, o puto letreiro. Vexo a parte dianteira, a de que hai que cortar cabezas. Cando saia de aquí, vaia se as cortarei! E será sen voluntarios nin que rabo de peixe. Caerán de a feito e a esgalla. A vinganza será terrible. O problema será cando poderei empezar. Porque agora mesmo estou moito máis morto que vivo. Estou mallado e ben mallado. Puxéronme un espello diante e non me recoñecín. Puto letreiro!


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 17 de xaneiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario