domingo, 22 de enero de 2023

O BAÑO

Baños de Molgas é o seu nome oficial. Tamén o que vén no nomenclátor. Son un fanático do nomenclátor. Porque ten que haber algo que regule, neste caso, os nomes dos lugares, aldeas, vilas e cidades. En moitos sitios non se lle fai caso. Así, a Meamán chámanlle Miamán, a San Tomé cámbiano por Santo Tomé, a San Paio por Sampayo ou Sampaio, e a Xunqueira de Espadanedo por Xunqueira de Espadañedo, entre moitos exemplos.


A Baños de Molgas é complicado chamalo dunha maneira ou doutra. Xa o di Moncho Borrajo, que uns chamámoslle O Baño, outros Molgas, e case ninguén Baños de Molgas. Eu, por aquilo da legalidade, escribo Baños de Molgas e, oralmente, empezo a nomear a vila como Molgas. Non sei por que. Porque, oralmente, tal vila sempre foi O Baño. Desde que eu recordo, sempre. Sei que se chegou a chamar Amolicas, Amonicas, Amolgas, Baños (así tan só) e mesmo Ad Aquas Salientes (nome oficial) ou Ad Aquas Mollicas (nome popular), segundo o egrexio Elixio Rivas Quintas..

As novas xeracións creo que usan máis o de Molgas; pero ata non hai moito, para nós e para os da contorna, sempre foi O Baño. Vou ó Baño. Son do Baño. Estou no Baño. Dáme a sensación de que xa non se usa o de Baño por aquilo de disimular un pouco o da Galicia Profunda. Nun novo Pingas contarei unha anécdota de cando escribira neste mesmo periódico o nome da Cagalla, en referencia a un cacho de rúa da mesma Baños de Molgas, O Baño.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 16 de xaneiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario