jueves, 12 de enero de 2023

OPCIÓNS

Estudei a opción de marchar para a costa e tirarme ó mar. Desistín porque afogaría e deixaría de escoitar o ruído das ondas. Se afogo, a algúns ata poida que lles iría ben, por iso optei por non ir e así poder amolalos un pouco.

Estudei a opción, antes de entrar nunha cafetaría calquera, de tomar tan só un café. Optei por dúas augas... a ver se con elas afogaba. Non afoguei pero si me enchín. Un pouco máis tarde houbo que alixeirar, descargar. O corpo humano ten que andar ó ritmo de todos os días. O meu ritmo diario é de cafés e non de augas. Din que a auga cría ras.


Estudei a opción de botar a correr. Quedei na cama, que, coa xeada que estaba caendo, estábase na gloria. É de parvos saír ó frío sen ter por que. Si, certo, hai a opción de erguerse e non saír á xeada, percorrer a casa dun lado para o outro, dun recanto ó outro. Para que? Coñezo todos os seus recunchos, todas as súas esquinas. Na cama tamén teño a opción de soñar... esperto e durmido. Seguín na cama.

Estudei a opción de cantarlle as corenta ós que van de chulos pola vida. Non procedía porque non son quen para meterme en danzas. E tampouco quería axitar o poleiro. Optei por asubiar a Negra sombra de Rosalía, que quedaba moito máis bonita e sentimental. E mentres asubiaba acochaba máis e máis entre as mantas. Agora que cada quen opte polo que queira.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 8 de xaneiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario