lunes, 16 de enero de 2023

CONTANDO UNHA REALIDADE

Dicía o outro día que estaba farto de comentar asuntos ou temas ou accións imposibles ou moi esaxeradas. Tanta esaxeración desvirtúa o efecto, deturpa todo. Non queda outra, entón, que contar realidades que pode acometer calquera. Coma eu mesmo. Como a de hai uns días, cando se me deu por subir e baixar as escaleiras da Ponte do Milenio da cidade de Ourense ata que medio rebentase ou rebentase por completo.


Levo xa dous días con tal vicio, con tal acción. A estas alturas, claro está, xa perdín a conta do número de chanzos que levo. Sei, iso si, que empecei a un bo ritmo para demostrarlle á xente que nada me mete medo. Era tal a bravura ou coraxe que levaba comigo que mesmo sorría e saudaba ós viandantes, e mesmo tiña tempo de quedar pasmado ante a potencia das augas do río Miño, que traía unha boa chea polo seu curso.

A xente, por unha vez e sen que sirva de precedente, portábase ben e traíame bocadillos de xamón e cafés. Tan axiña como souberon que o meu era o café, incluso había cola para ofrecerme tal produto. Teño que recoñecer que, foliada á parte, o ritmo de subida, logo dunhas cantas voltas, baixou unha barbaridade. E no de baixada ata tiña medo de esvaecer. Pola noite foi xa cando decidín subir as escaleiras a gatas. Nesa postura sigo porque estou a medio rebentar e non tardarei en rebentar por completo. Sen esaxerar.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Martes, 10 de xaneiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario