lunes, 9 de enero de 2023

SAÍNDO DO CUBIL

O medo é libre e a hipocrisía, moita. Moitos rosmaban, esbardallaban e negábanse ás últimas vacinas contra a Covid. Agora, como semella que pode volver unha nova onda desde China, o número de persoas que piden tal vacina aumenta nun 25%. Ai logo! Non vaia ser o demo que... Cando nos apertan as costuras, non perdemos un segundo en actuar.


A algúns non fai falta apertalos para sacarlles a realidade que levan dentro. Eles mesmos, cun pequeno empuxonciño, soltan a súa auténtica forma de ser. Como a dun concelleiro do Partido Popular de Cabanillas do Campo, en Guadalaxara, que na celebración da Noitevella acabou cantando o famoso e maldito Cara ó sol, é dicir, o himno da Falanxe. Ó final, máis tarde ou máis cedo, por unhas cousas ou por outras, acaban saíndo do cubil, acaban descubrindo a súa personalidade.

Tamén os hai que tal realidade ou personalidade non a esconden. Como é o caso do propio alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, fachendoso el de ser admirador de Franco, de Hitler e de Mussolini, a Santísima Trinidade dos dereitos humanos. Mesmo reivindica unha rúa na capital do Imperio dedicada ó militar franquista, o xeneral Millán Astray, que, por certo, tamén era admirador de Hitler.

Se eu, agora mesmo, reivindicara nos meus escritos a eses personaxes, seguro que me detiñan por apoloxía ó terrorismo, á exterminación e ó que cadrase. Pero como é o alcalde de Madrid, como moito, soltamos unha pequena crítica e que a vida siga. Pois iso, que a vida siga.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Xoves, 5 de xaneiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario