martes, 10 de enero de 2023

ESPÍRITOS CONTRADITORIOS

Hai uns días, porque chovía. Agora, porque vai frío. Non tardaremos en deixar queixa da calor. O que se dixo sempre: nunca chove a gusto de todos. Creo que, aínda que estivésemos de acordo todos en algo, non tardariamos en buscarlle un punto, un pero, unha acción, unha eiva, un algo contraditorio. Penso que os nosos egos, en por si, son espíritos contraditorios. Quizais lle levamos a contraria a algo tan só para chamar a atención, para apartarnos do que digan os demais. A vida, sen revés, sen loita, é aburrida, monótona e poida que estúpida.


Ademais, como aquel vai ser mellor ca min. Como aquel vai ser o punto de atención, o artistiña da película. E quedar eu de paspán? Así é que saímos do rego porque pensamos que á dereita (ou á esquerda) hai un camiño ou unha estrada. O rego era pouco, quedábase pequeno.

O espírito da contradición é a oración diúrna. Pola noite xa se converte en penitencia nocturna. Porque coa cabeza sobre a almofada é cando, pouco a pouco, empezamos a asumir o erro de querer destacar sen motivo, de confesarnos en que, ó mellor, os outros tiñan razón. É igual; o arrepentimento dura pouco: ese lapso que vai de pousar a corna ata quedarse durmido. Ó día seguinte volve o espírito da contradición para destacar, para chamar a atención, para facer a vida con máis atrancos, con máis egos e con máis regos torcidos.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 5 de xaneiro de 2023

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario