miércoles, 24 de abril de 2024

DESDE O CORNO DEREITO DA LÚA


Aburrido de estar sentado sobre o corno esquerdo dunha vaca (poñamos por caso, a Turina), pasei a tombarme sobre o corno dereito da lúa en cuarto minguante. Ai logo, cámbiache ben o conto! Outra perspectiva, outro panorama, outra visión moito máis... universal? Quérolle á Turina, pero a lúa... esa lúa que sempre me sorrí e me chisca o ollo esquerdo é moita lía diúrna, nocturna e divina.

A maiores de estar tombado, noto como floto polo espazo sideral. É practicamente o mesmo que cando me meto nos soños dunha ilusión. Nestes sempre saio vencedor e é coma se estivera en suspensión nun poema de poucos versos. Para que quero moitos? Ás veces, cun simple pareado dise máis que en toda unha novela.


Desde o corno dereito da lúa vexo as estrelas. Son bonitas. Vexo na distancia o planeta Terra. Non sei que dicir sobre ela. E agora menos; con ben que estou aquí arriba. Non sei como se estará de pé sobre o fociño dun porco de ceba, pero na lúa... que carallo, estou máis cerca do ceo.

Ademais, desde a lúa podo berrar ata esgazar a gorxa e sen molestar a ninguén. Berro. Deixo caer un berro seco, primeiro, e, despois, un berro eterno. Noto como treme a propia lúa, pero nada máis. Berro con dirección a todos os planetas que contemplo e co corazón zumbando de ansiedade. Berro coma se estivera pechado nunha habitación en penumbra, aínda que ben sei e ben vexo que vivo sobre o corno da lúa. Borboríñolle ó oído, ela sorrí e chíscame os dous ollos case ó unísono. Cando canso déixome caer, por fin, sobre o lombo do burro. Fago que trote ata máis alá dos soños, ata máis alá do infinito.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 22 de abril de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario