domingo, 28 de abril de 2024

NADA CAMBIA


Tardei en ver o ambiente porque mantiven os ollos pechos. Botei varios días cos ollos pechos. En concreto, tres. Estaba canso de ver actos esperpénticos, políticos corruptos, soños cheos de pesadelos e guerras encarnizadas. Así, durante tres días, descansei. Tan só escoitaba e oía. Estoupidos que non sabía se eran de algo que caía ou de bombas que explotaban. Oía palabras que non sabía moi ben que dicían; semellaban arroutadas, unhas veces, e razoamentos, outras. Discursos políticos; bos para uns e falsos para outros. Soños que soñei bonitos e soños que se volveron pesadelos. Oín falar de guerras sen cuartel e liberdades asoballadas. Tamén de ramas de oliveira e de pombas brancas.

Agora xa teño os ollos abertos e vexo que todo é o que era, todo o que oíra, todo o que escoitara. Nada cambiou. Nada cambia. O río leva a mesma auga. O ambiente está igual. Non hai cambio radical. Todo leva o seu tempo. E neste mundo noso cada vez vai máis lento. Tan só os mortos das guerras aumentan. Aínda que a corrupción, os insultos, o racismo, a xenofobia, por desgraza, non minguan. Case dan ganas de pechar de novo os ollos para non ver o que pasa.


Chega ben con oír, con escoitar. Certos ruídos xa descobren certas accións. Algúns ouleos axudan a intuír onde está o medo. Outros comentarios falan dun futuro incerto. Si, case mellor: ollos que non ven, corazón que non sente. Que carallo, volvo á cegueira total. Así pódeme quedar o indicio dunha esperanza que acubille polo menos algo de temperanza. Ou polo menos, eu, si, poder soñar cunha realidade menos traumática.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 26 de abril de 2024

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Sábado, 27 de abril de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario