Botei man do engano cando lle dixen a uns veciños que se me vían no alto dun amieiro da Pitediña era porque andaba na procura de niños de pegas. Na realidade acababa de escapar dun crocodilo que saíra das augas do Arnoia. Cando baixei, e cheo de vergonza, díxenlles que tamén era licenciado en sabedoría popular e universal. Eu, que nin tan sequera pasara de párvulos. É certo que escribín poesía, pero grazas ó tocadiscos do Roque que cuspiu unha canción desas melindrosas de Camilo Sesto. E poesía tras poesía, completei todo un libro de poemas. Non sei moi ben conxugar oracións e, non obstante, levo tempo escribindo prosa. Da poesía á prosa grazas ás novelas do Oeste de Marcial Lafuente Estefanía. O pouco que sei de inglés é grazas ás películas subtituladas.
Porén, a miña sabedoría é efémera. Son algo así coma un arado romano: que abro regos a esgalla. Uns máis dereitos que outros e estes máis anchos que aqueles; mais en todos irá a semente. Son lento pero seguro. Son parvo pero carburo. Son pombo que tardei moito en voar. Agora non baixo dese ceo que eu mesmo formei.
Son home sen estudos, mais chégame con saber que logo do luns chega o martes e despois do tres vén o catro. Que sen cartos non se vive e que moitas mentiras facémolas tan reais que xa somos especialistas en falsidades. Ou sexa, profesión: político. Son o retranqueiro que fai andainas desde o sofá e que floto no meu propio universo mirando e estudando fotografías. Subo ó arco da vella cando ninguén me ve e berro gol cando se saca de centro. Remato o asunto bisbando outro tema de Camilo Sesto e tramando unha nova prosa ó estilo de Silver Kane.
Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Luns, 29 de abril de 2024
No hay comentarios:
Publicar un comentario