viernes, 19 de abril de 2024

O HORIZONTE


Mirei para o horizonte, e non vin nada. Normal; había unha néboa espesa, que non se vía un burro a tres pasos. É un dicir; burros xa case non hai e o dos tres pasos é unha pequena esaxeración. A ver!, xa había tempo que non esaxeraba. Tanto sentimento, tanto rural, tanta trapallada tamén cansa. Mellor optar, aínda que sexa, por unha arroutada.


Non obstante, sigo mirando para o horizonte e sigo sen ver nada. Porque practicamente nada hai, e o pouco que hai non me interesa; os penedos, toxos, silvas, carpazas, carballos, piornos xa están moi vistos e moi utilizados. Eu o que quería ver era algo que me fixese latexar con forza o corazón: desde unha gaita galega tocando ata, mesmo, un mísil atravesando o ceo, desde a Santa Compaña peregrinando polo alto da lomba ata unha boa moza bailando sobre unha das cores do arco da vella; sobre calquera cor, aínda que a que máis adoita destacar é a vermella. Coma o sorriso dela. Da moza que baila sobre o arco da vella.

Cando estou a piques de desesperar, consigo ver por fin algo. Algo que aínda non sei moi ben que é. A néboa retrocedeu, recuou uns pasos, seis ou sete. Porén, sigo sen ver burros polo xa dito: que case non hai. Noto máis ben unha sombra que semella unha figura humana. De muller. Anda, carallo!, é a que estaba bailando sobre o arco da vella. Ela, como me ve un sorriso de incredulidade, tamén sorrí. Ante o seu sorriso esquézome do horizonte, do burro e da néboa. Agora o horizonte xa queda moi lonxe. Pero xa me dá igual. As cousas como son.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 17 de abril de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario