miércoles, 10 de abril de 2024

POLO PASEO DO RÍO


Como pola mañá só puiden ler un periódico, non quedou outra que saír de novo para ler, polo menos, dous máis. Saín entón pola tarde e, efectivamente, lin dous máis. E porque a cafetaría non tiña máis -se exceptuamos os tres deportivos por excelencia-, que se os tivera tamén caerían. Os deportivos nin os cheiro pola simple razón de que o esencial xa asoma nas páxinas dos xerais.

Logo de ler a prensa, e como tiña que coller dirección ó Posío e como na mochila que levo ó lombo levaba tamén un libro, baixei ata o río Barbañica (que na súa denominación orixinal seica é Río dos Muíños) e iniciei a lectura, andando, moi lentamente, polo paseo que percorre todo o regato (realmente non sei onde está a diferenza de río e regato; para min, o Barbañica é máis regato que río).


Ó mesmo tempo que lle prestaba atención ó que se contaba nas páxinas de Fortuna, do arxentino Herrán Díaz, aínda que afincado nos Estados Unidos, o ruído das augas do regato (ou río) facían de bálsamo ou de música de fondo do meu paseo. O ruído do mar e o ruído das augas dos ríos son coma bandas sonoras nas andainas peliculeiras.

Tamén de cando en vez ou bastante a miúdo, cruzábame con xente das que só vía algo así coma sombras, xa que eu non levantaba a vista para nada. Eu ía arrimadiño ás varandas dereitas do paseo e non necesitaba ningunha outra referencia para guiarme.

Xusto onde desemboca o Barbañica co Barbaña deixei de ler, coloquei os auriculares nos oídos, deille á música e seguín andando aínda máis alá do Posío.


Café Urgencias. Ourense. Domingo, 7 de abril de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario