viernes, 26 de abril de 2024

POLAS CARRILLEIRAS DE RAMIRAS


Fun á aldea para atender á cadela. A cadela chámase Chispa. É moi riquiña. Para saber a súa raza tería que mirar a súa cartilla, que non teño a man. Só sei de tres ou catro razas. E tanto destas coma das demais, para min, son todos cans (ou cadelas, claro).


Mentres a muller lle cocía dous zancos de polo, un servidor colleu á cadeliña e leveina de paseo polas carrilleiras de Ramiras. Ata as fincas da Cachopa. Levei paraugas, que case non usei. O case debeuse ás dúas veces que, durante dous minutos ou pouco máis, tiven que abrir. Chovía pero con sol. Non tardei en buscar o arco do Señor (non sei se saberedes que... cando chove e hai sol, sae o arco do Señor; e cando chove e vai frío, sae o arco do xudío), ese que, na realidade, é simplemente o arco da vella. Alí estaba, todo esplendoroso e belo e bonito e guapo e lindo e fermoso e con todas as súas cores, as sete.

Na ida vin unha lesme e na volta case trepo un caracol que, por certo, tiña os cornos ó sol. Por toda a carrilleira había de todo, e case todo en flor; desde as carpazas amarelas ata as moradas, desde as xestas brancas ata os piornos amarelos. Había toxos e mimosas, silvas e herbas verdes. Había tamén, iso si, moitos piñeiros. É unha zona de piñeiros.

A Chispa cheiraba. A Chispa furgaba. A Chispa corría. A Chispa mirábame de cando en vez cuns olliños tan inocentes que non me quedaba outra que dicirlle: segue, segue, corre, trota por aí. Entendía, vaia se entendía. Porque corría, choutaba, ulía, furgaba e seguíame como cadeliña que era.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 25 de abril de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario