jueves, 18 de abril de 2024

FUTURO INCERTO


Estou aquí, esperando o futuro. Un futuro que non chega porque vivo sempre no presente. Un futuro que non sei como vai ser. Se penso nunha acción, igual me aparece outro feito. Se digo que Xoán, seguro que me entretén Pedro. Calquera futuro, todo futuro sempre é incerto. Creo. Non penso meter as mans no lume... por se se me conxelan.


Porén, díxose sempre: non hai como vivir o presente. É que realmente só existe o presente. O pasado xa foi e non hai volta de folla. O futuro, o dito: incerto. Cando vives o futuro xa é presente. Un galimatías do carallo. Si, mellor vivir o día a día.

O futuro pode ser unha esperanza feita realidade. Pode. O que pasa é que, a realidade, tamén pode dar labazadas que, entón si, ata poden mandar a un ó pasado. Por que eu confiaría, diremos. Máis ou menos.

O futuro é tan incerto que mañá espertarei coma un día calquera (ai, Deus, confío en espertar) e realizarei as accións que teña que realizar. Non vou caer na tentación de numeralas, por se aquel, pola incerteza das mesmas.

O futuro é como un bambán, que se balancea para ou lado ou para outro, ou como un catavento que se move e cambia segundo o mandato do vento. O futuro é ese baile dos pés, que se moven a un ritmo vertixinoso pero sen saber que tema están tocando ou bailando.

Sigo aquí, esperando o futuro e sen tan sequera dicir que vou marchar. Se o digo, igual me obriga a seguir sentado e escribindo. Iso si, cando poña a palabra fin remata, para vós, o meu futuro. Fin.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 15 de abril de 2024

Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 16 de abril de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario