sábado, 27 de abril de 2024

NON PORÍA AS MANS NO LUME


Que pasará ou pasaría hoxe, luns? Non o sei. Escribo isto en sábado. Pero a noticia tivo o seu aquel. Revolucionou o panorama político, social e todo o que queirades. Pedro Sánchez escribiu unha carta e moitos racharon as vestiduras. Empezou unha tirapuxa, un axusta e compón que se encheron os medios periodísticos, radiofónicos e televisivos con ruxerruxes, sentenzas, insultos e “sabedoría” ibérica. Vivimos nun país no que todos sabemos moito e, como sabidos, esbardallamos a esgalla.


Xa teño dito que non me gusta falar de política porque non entendo moito de política, pero si sei unha cousa, que se a tal Begoña Gómez Fernández é culpable de algo, que pague por iso. Non obstante, a día de hoxe, sábado, creo que aínda non está imputada. E sei outra cousa máis, que se os espelidos eses de Mans Limpas realizaron a acusación sobre a muller do presidente baseándose en presuntas noticias falsas, pois que desapareza como asociación. Segundo referencias periodísticas consultadas por un servidor (a non ser que sexan falsas, claro), ese sindicato semella que non é trigo limpo, flor de arrecender, xema de ovo. A maiores, por suposto, da súa ideoloxía de ultradereita, que, ante isto, para min, xa non me merece confianza ningunha. Ningunha.

Semella que outra asociación, Faite Oír, tamén presentou unha querela, un preito por tráfico de influencias contra Begoña Gómez. Digo o que dixen no anterior parágrafo: que se é culpable que pague. Os cidadáns de a pé estamos fartos de que a gran maioría de políticos (e familiares que se aproveitan dos cargos deses) vivan á nosa conta e burlándose de nós.

Para rematar e volvendo á famosa carta, a min, persoalmente, tamén me parece unha “infantilada” do presidente. Creo que hai outros métodos para dicir as cousas ou, simplemente, non dicilas e actuar. E sobre o proceder da oposición... que vou dicir sobre esta, cando aquí, precisamente aquí, en Galicia, o Partido Popular sempre xogou sucio e máis que sucio (chega con meter entre a paréntese as famosas carretadas nos días das votacións que, hoxe por hoxe, aínda as levan a cabo; iso si que é tráfico de influencias), e os de Vox, a gran maioría sabemos xa o que é e o que quere. Eu non poría as mans no lume nin por uns nin por outros, para dicir cales son máis honrados.


Finca Fierro. Barbadás. Sábado, 27 de abril de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario