domingo, 15 de enero de 2012

AS POZAS DE MELÓN

     ¡Coma chotas! Así se podía titular este relato se non fora porque, á fín, conseguimos o que queriamos. A muller e máis eu saímos coa idea de ir ver as Pozas de Melón (que xa viramos hai moitos anos, máis de dez, creo), e resulta que acabamos en Luintra. O brusco cambio debeuse a que, sobre o horizonte, vimos unhas nubes tan ameazadoras que nos dixemos que, precisamente por alá, pola zona de Melón, estaba a chover de carallo. Na mesma rotonda da ponte do Milenio peguei un volantazo e collín cara Monforte, ó mesmo tempo que lle comentaba de ver o pobo de Penalba, que é onde naceu o meu amigo e, agora, veciño de Baños de Molgas, Toño Noguerol. Por alá pasamos e pensei na espectacular ubicación do pobo... en continua ladeira. E como non conociamos nada desa zona, seguimos pola estrada que vai a Luintra. Chegando a Luintra empezou a chover sarabia, que se notaba a leguas que era neve dura.
     E volvendo outra vez pola mesma rotonda citada, volveu a nosa loucura facer das súas... "e se tiramos para Melón", comentou a muller. "Non o digas dúas veces", díxenlle. E nin tan sequera a deixei contestar; volvín pegar o volantazo para a autoestrada A52. Ó tomar a saída a Melón/Quins e estando xa na N-120, axiña, a dereita, a tan só uns cinco ou dez metros, xa se torcía tamén á dereita para o aparcadoiro das pozas.
     Cando foramos nós hai dez anos ou máis, alí non había ningunha cafetaría. Agora si hai unha, na que nos meteriamos logo de percorrer un bo trazo do curso do río Cerves. Axiña nos atopamos coas primeiras pozas, as que penso que son coñecidas por Pozas de Melón.
     A verdade é que dubidamos moito se fora aquí onde estiveramos a primeira vez. Eu penso que si, xa que sei que axiña as atoparamos logo de aparcar o coche.

     Vendo que seguía a senda ou carreiro pola marxe dereita do río, optamos por seguir, xa que non tiñamos présa. Os rapaces xa hai tempo que non queren saír con nós e marcharan a xogar cos amigos. Incluso puxemos de tope ata as seis da tarde para seguir a senda. ¡Que ben fixemos!, pois, a maiores do propio paseo á beira dun río, de calquera río e a uns dous quilómetros e pico ou tres chegamos a un lugar realmente espectacular... pola vista, polo oído (o ruído do río), pola ubicación e pola fermosísima fervenza coa que nos atopamos de súpeto.

     Hai que recoñecer que a este lugar, moi preto de Tourón e As Mestas, chegamos suando coma carneiros e coas pernas case tremendo a causa do esforzo, xa que, amais da propia subida, ten demasiados chanzos coma os mostrados na antepenúltima foto. Chegamos arriba cansados, pero felices. Moi felices porque, sinceramente, non imaxinabamos que houbese máis pozas.

     Rematamos o percorrido coa noite case pecha e cuns cafeciños quentes baixando pola gorxa na cafetaría que nomeaba ó principio.
     Sitio espectacular no inverno, debido a que os ríos traen moita máis auga ca no verán. Pero tamén nesta estación ten que estar de marabilla, xa que hai sitios e lugares a moreas para bañarse e para gozar dunhas boas sombras. Aínda que, iso si, no verán será moi perigoso unha parte da subida ás últimas pozas, ou sexa, as de Tourón, pois nese traxecto non hai árbores de ningunha clase.
     Remato o relato coa alegría metida no corpo; porque en dúas semanas, é dicir, en dous domingos, vimos dous lugares realmente fermosos... a fervenza do río Avia ó seu paso por Pazos de Arenteiro e estas Pozas de Melón ou Fervenza do Tourón.


     Finca Fierro. Domingo, 15 de xaneiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario