lunes, 23 de enero de 2012

FERVENZA DO BARBANTIÑO

     Estamos medio mortos. Medio mortos a causa da canseira, aínda que a muller acaba de dicirme que estamos mortos enteiros. A culpa é da ruta turística, ou mellor dito, da ruta paisaxística que realizamos polo río Barbantiño dende O Viñao.
     Saímos de Ourense para pillar a autoestrada A-52. Axiña collemos a saída ó Carballiño e Pontevedra. Pasamos Punxín e logo de 3 km. chegamos a O Viñao. Torcemos á dereita e logo de varias curvas, deixamos o coche xusto ó lado do río. 
     Iniciamos a camiñata subindo polo lado esquerdo e con dirección á fervenza que anuncia o letreiro. Ata a chegada a esta, pódese dicir que o percorrido é o típico que adoita haber polas beiras dos ríos, de calquera río. 
     O ruxerruxe da auga coas súas pedras esparexidas polo leito do río.
     Cos seus remansos nos que apetece bañarse, pero, hoxe... ¡calquera se mete a auga!, ¡e menos a que se atopa entre carballeiras!
     Cos seus carreiros ben armados naqueles sitios de maior dificultade. Tamén é verdade que hai que ter moita conta coa folla... se está mollada é un perigo para as patinaxes.
     Con algunha estampa tan fermosa coma esta. Despois temos ríos nos que proliferan os muíños. O río Barbantiño ten abondo, polo menos pola ruta que realizamos.
     Algúns moi ben conservados e que aínda mostran por dentro os aparellos cos que se moía.
     E por se aínda alguén non se aclara moito cos aparellos utilizados na muiñada, aquí amoso un letreiro explicativo coas partes de algúns utensilios.
     Pero o gran acontecemento, a gran fermosura chegou, por suposto, cando descubrimos a fervenza.



     E rematamos a subida na ponte de San Fiz.
     Baixamos pola beira esquerda do río e aínda tivemos folgos para achegarnos ata O Bañiño, dous quilómetros e pico máis de ida cos seus correspondentes de volta.

     Fundidiños quedamos. Pero contentos. Moi contentos. Aínda que recoñecemos que a ruta paisaxística foi máis fermosa a do domingo pasado, ou sexa, a realizada polas Pozas de Melón.

No hay comentarios:

Publicar un comentario