viernes, 20 de enero de 2012

A MÚSICA DO GRILO


              Bican os raios de sol as ás dunha laverca e un grilo canta un tema musical de Sabina. Quere a xesta bailar a melodía, pero o codeso apréixaa de tal maneira que en vez de crecer para arriba encolle coma un plástico queimado. Na distancia, un romeiro cruza Os Currás e na altura da Portela bebe nas fontes que se formaron no sábrego. Segue camiño dos Milagres. Cando a laverca ve ó home lánzalle un aviso ó xabaril que estaba a emporcallarse no lameiro do Gregorio. O porco bravo ergue con parsimonia e marcha camiño da parcela do Chito para seguir furgando baixo a música do grilo, que cambiou o repertorio cara á unha banda sonora. Hai músicas que alegran ós bichos do monte Medo.

              Maceda. Venres, 20 de xaneiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario