sábado, 7 de enero de 2012

A COARTADA DO COCHE


              Antes de quedar durmido e incluso xa durante as dúas películas que vira, Ricardo Corcuera López botou todo o tempo pensando en que ó día seguinte tiña que levantarse ás nove. Non puxo o reloxo porque sabía que ía espertar a esa hora. Fíxoo cinco minutos máis tarde, ás nove e cinco. Polo que choutou da cama coma un lóstrego. Intuía que o tempo se lle botaba encima. Sabía que cando chegase á aldea, entre unhas cousas e outras, non empezaba a traballar na parcela ata preto das once, o que significaba que a mañá non daba para moito. Avivou nos rapaces para que se moveran. Se non estaba enriba deles, a saída da casa ía para un longo período. Ultimamente adoitaba poñer o coche de escusade coartada para estimulalos, dicíndolles que baixaba xa a quentalo, a poñelo en marcha, para que así eles pensasen que o seu pai xa estaba abaixo esperando. Ricardo Corcuera López tiña dous cativos ós que non lles gustaba nada ir á aldea e dedicábanse a poñer unha traba detrás dunha pexa para alongar a saída. A un leváballe unha morea de tempo almorzar e o outro eternizábase vestíndose. Ricardo Corcuera tamén aproveitaba a coartada do coche para non perder a paciencia. No coche esperaba escoitando a radio ou música.

              Finca Fierro. Sábado, 7 de xaneiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario