martes, 24 de enero de 2012

O SESO, UN HOME ESPECIAL


              Aínda que dende a infancia e parte da xuventude a nosa relación distanciouse por culpa da, valla a redundancia, distancia, Sergio Cid Villar, máis coñecido por Seso ou, no meu caso, Sesiño é desas persoas que van máis alá da relación de veciños. Aínda que a gran amizade veña máis polo lado do meu irmán máis vello, o Garrincha, por ser máis ou menos da mesma idade, sempre presumín de ter eu mesmo un gran cariño cara ese home que, por unhas ou outras razóns, instalouse nese recanto da memoria ou do corazón que adoitamos chamar especial. A súa bondade e xenerosidade estaba en relación coa súa altura. ¡Mira que era alto de carallo!
              Marchou hai moitos, moitos anos para Madrid e, claro, a relación acurtouse ós períodos das súas vacacións. E aínda que eu tamén marchei para alá durante nove anos, os encontros que mantivemos non foron tan asiduos como adoitan ser nas vilas, onde te atopas cos amigos de continuo. Pero, emporiso, chegaban aqueles esporádicos momentos para que o Sesiño continuase a ser un home especial.
              Aínda era novo para que nos deixase tan axiña, pero xa sabemos o que é a vida ás veces. Entendo que a súa marcha deixa un gran baleiro na súa contorna social e familiar, pero tamén sei que os recordos quedan aí para botar man deles e demostrar que hai cariños, que hai relacións que van máis alá da propia vida.

              Maceda. Martes, 24 de xaneiro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario