martes, 15 de mayo de 2012

TODO POR "VILAMOR"



              Ao cine minoritario, a ese cine que sae das entrañas élle moi complicado acadar unhas salas cinematográficas para a súa visión, porque o cine ianqui impera en todo o noso país. E se falamos dunha película galega, todos eses atrancos multiplícanse por mil. Así é que só lles queda a opción de patearse todo un país para vender o produto. É o que está a facer o equipo técnico-artístico da película galega “Vilamor”. Chapeau para eles!, que levan unha morea de quilómetros falando da súa película en todos os sitios e lugares habidos e por haber; dende institutos ata partidos de baloncesto, dende bibliotecas ata cafetarías. O xoves pasado coincidín con Ignacio Vilar en Telemiño, e este martes foi na casa da cultura da Valenzá (con el, Rubén Riós, Sabela Arán e Xoel Yáñez) e vin, apreciei todo o traballo que están a realizar por unha película, para máis aquel, galega. Por iso penso que, só por esa quilometraxe, xa merecen que se lles dea unha oportunidade. Esta consiste, claro está, en asistir á proxección do seu filme, que se estrea hoxe nos Cinebox da capital ás 20.30 con todo o seu reparto. Alí estaremos. E oxalá Ignacio Vilar acade o financiamento que se precisa para o seu próximo proxecto, que segundo palabras del, anda detrás de quizais a mellor novela ourensá de toda a historia, “A esmorga”, de Eduardo Blanco Amor. Hoxe en día penso que é o mellor director para realizala. Ao mellor o empuxón está no éxito de “Vilamor”. Sorte para esta e para o proxecto, mestre.

              Finca Fierro. Martes, 15 de maio de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario