viernes, 16 de noviembre de 2012

IMAXES DA FOLGA XERAL



              Hai imaxes da folga xeral acaecida a semana pasada que quedarán na retina, na memoria dalgúns durante un tempo. Para os do Partido Popular, as imaxes serán as dos piquetes de folga, nunca as dos crebafolgas. Para os partidos de esquerda e nacionalistas, serán as das moreas de xente nas concentracións. Pero para un servidor hai tres imaxes a destacar: a dun neno sangrando en Tarragona, a dun energúmeno lanzando un obxecto contundente contra un escaparate nunha rúa de Ourense, e unha frase do ministro de Asuntos Exteriores. A do neno amosa que ninguén está libre da forma ditatorial que teñen os gobernos (centrais e autonómicos) para disolver as manifestacións. A do energúmeno afea por completo a unha sociedade que tan só quere un cambio, un salvamento a esta situación que nos afoga. E coa frase de José Manuel García Margallo entendo que non chega a ministro calquera; que antes hai que fincar os cóbados para licenciarse en Dereito e así poder soltar coa toda pachorra do mundo, en referencia á folga, por suposto: “vexo absoluta normalidade, aínda que non teño datos”. Non ten datos, pero sabe o que hai. Comprendo que sexa ministro de Exteriores... ve moito máis alá.

              Maceda. Venres, 16 de novembro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario