jueves, 22 de noviembre de 2012

NOITE PECHA



              Xente lendo os xornais. Xente falando. Xente tomando cafés. Xente berrando. Ruído, moito ruído. E a noite que cae sobre a cidade das burgas, sobre o parque no que os estorniños fan parada e moita algarabía. Auténtico enxame deles. Non me estraña que a xente se queixe polos excrementos desas aves. Teñen todo o dereito a cagar, os pobres; pero cando son bandadas deles, a súa merda salpica por toda a contorna. Xente que entra. Xente que sae. A muller que le La Región. Eu xa a memoricei de mañanciña, moi cedo. É cando máis presta ler os rotativos, cando aínda parece que as novas cheiran a tinta. Agora mesmo, momento de silencio na cafetaría. E os estorniños, os chirlomirlos tamén acocharon entre as follas das árbores dese parque con demasiados excrementos. Xa é noite pecha.

              Cafetaría do pavillón Os Remedios de Ourense.
              Mércores, 21 de novembro de 2012

No hay comentarios:

Publicar un comentario