Quen me ía dicir que coñecería,
que sería incluso amigo do Schwarzenegger ourensán. Quen me ía dicir que aquel
rapaz, que de cando en vez entraba na pizzaría Vivaldi da Valenzá e se achegaba
ata o último recanto da barra, case timidamente, sería a día de hoxe o único
culturista ourensán de certa categoría. Aquel rapaz non é que falase moito.
Creo que simplemente pasaba para saudar á súa nai ou quizais para matar un
pouco o tempo. E se algunha vez se soltaba comigo ou con alguén máis era para
falar, como non, do fútbol e máis en concreto, faltaría máis, do Real Madrid.
Nunca imaxinei a Julián Conde Sorga facendo culturismo.
E seguín sen imaxinalo máis de
cinco anos ou así, porque, como o tempo pasa e todo cambia, a nosa relación foi
quedando para o recordo ata que o mundo feisbuquián o trouxo de novo á miña
actualidade, á miña vida. Que somos hoxe sen as redes sociais? Hai que
recoñecer que nada.
Entrou no meu mundo informático,
tecnolóxico pois case como se fora, é dicir, como amigo por ser o fillo da
camareira onde eu era cliente habitual para os meus cafés cortados. Mal podía
imaxinar que ese mundo, que ese feisbuq sería o que realmente me dixo a qué se
dedicaba Julián Sorga (prescindiu do primeiro apelido para o nome deportivo).
Como coido que facemos todos cando nos atopamos cun “amigo” máis nesa rede
social, pegueille un repaso ás súas fotos e foi aí onde descubrín a actividade,
o deporte ó que se dedicaba.
Recoñezo que o meu primeiro
pensamento foi compadecerme del. A quen se lle ocorre escoller un deporte ó que
incluso moitos nin tan sequera saben que existe. O culturismo! Que é iso? Ah,
sí; eses “cachas” ós que semella que lle rebentan os músculos. Ah, si; “esa
cousa” á que se dedicaba Arnold Schwarzenegger na súa Austria natal. Meu neno,
sabes que a nosa sociedade pouco vai máis alá que do fútbol.
Julián Sorga naceu un 8 de outubro
de hai 32 anos e iniciou os estudos no colexio de Vilar de Barrio (procede de
Porto), pasando polo do Couto, polo San Fernando do Xardín do Posío e pola
Farixa para rematar FP no colexio Valle-Inclán. Cóntame que desde cativo facía
kick boxing ata acadar o cinto negro, pero como se vía moi delgado quixo coller
algo de peso e empezou a compaxinar ese deporte xaponés (mestura de boxeo e
algunha arte marcial) coas pesas. Axiña que viu os primeiros resultados, optou
xa definitivamente polo culturismo, por poñerse “cachas”.
E vaia se o conseguiu! Xa no ano
2008 empezou a competir tan en serio que quedou subcampión galego. Aí é nada!
Do 2009 ó 2013 non se baixou para nada do podio entre segundos e terceiros
postos en todos os campionatos que participou, principalmente en Galicia e no
norte de España. Este ano volveu acadar o subcampionato galego. A súa alegría
foi tal que, sen andar con días santos ou sen pensalo dúas veces, alí mesmo,
sobre o escenario de Valga, na provincia de Pontevedra, pediulle matrimonio a
Tatiana Conde Sainz, a súa parella. Nunca tal se vira!. E eu pensando que era
tímido!
Se dicía ó principio que me
compadecía del por dedicarse a este deporte tan minoritario, tan minoritario;
agora mesmo teño que confesar que si, que aínda que me siga compadecendo del,
non me queda outra que admiralo precisamente por iso, por loitar contra todas
as adversidades coas que se atopa realizando esa actividade que moitos nin
coñecen e que, polo tanto, descoñecen o sacrificio que hai que levar a cabo para
que algúns te teñan en estima. Si ten a miña.
Café Bran de Ourense. Luns, 19 de
outubro de 2015
Publicado en La Región o
venreds, 06-11-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario