Calquera clase de poder é a
mellor arma existente para dobregar, para asoballar a unha persoa; para
achantar, para tiranizar a un colectivo. Antigamente, por exemplo, a igrexa e a
burguesía. Na actualidade, por exemplo, os bancos ou os políticos. Nos anos da
posguerra, por exemplo, os vencedores, os ricos, os alcaldes, os practicantes,
a garda civil, a igrexa (por suposto) e calquera que fora algo máis que o pobre
labrego ou o pobre cidadán de a pé. Deixei o poder militar porque é do que vou
falar nesta reportaxe.
O poder militar, nos anos 40, 50,
60 e incluso 70, pois era como os descritos ou peores. E se ese poder militar
se acompañaba cunha pistola fóra da cartucheira, imaxinade a expresión dese
paisano dobregado ou o susto dese colectivo achantado. Un militar coa pistola
na man xa eran palabras maiores para describir a escena baixo o punto de vista
do apoucado. Non así do propio militar, xa que naqueles tempos era algo
habitual que sacaran a arma ás primeiras de cambio para impoñer o seu poder.
Agora fai falta saber se ese “poderío” era para ben ou para mal.
En Macendo parece ser que foi
para ben o uso de poder dun militar en concreto, xa que os propios parroquianos
lle ergueron un pequeno momento por ter precisamente a man lixeira para sacar a
pistola. O motivo: o traxecto, a construción da estrada que vai de Astariz
(Castrelo de Miño) a A Armada (Cartelle), a OU-304. Semella que moitos tramos
da mesma realizáronse “a punta de pistola”. A expresión esta “a punta de
pistola” fíxome graza cando a dixo un día o meu sogro. Tanta que axiña imaxinei
a escena: o típico pasmón que non quere dar un cachiño de leira para que pase
por alí a estrada, e xa vexo ó Coronel, pistola en man, e cuspíndolle máis ou
menos un “ou dás o cacho ou te quedas aí teso”.
Usei a palabra coronel como nome
(de aí a maiúscula) porque así era como se lle coñecía a Antonio Rodríguez
Estévez. Por moito poder que se teña e por moito medo que se meta, en toda
Galicia non se libra ninguén do seu correspondente alcume. El non podía ser
menos. Pero que non se queixe, xa que O Coronel non era ningún sobrenome
despectivo.
Antonio Rodríguez Estévez nacera
en Fondo de Vila no ano 1898. Acadou o grao de coronel na arma de artillaría e
chegou a ser alcalde de Castrelo de Miño, onde tomou posesión o 26 de xaneiro
de 1963 e celebrou a derradeira sesión o 30 de decembro de 1968. Foi á súa
morte, acaecida o 21 de febreiro de 1975 ós 77 anos de idade, cando os veciños
da parroquia escotaron para plantarlle un monumento e unha inscrición de
agradecemento sobre o nicho que ten na mesma entrada, á esquerda, no cemiterio
parroquial de Santa María de Macendo.
Imaxino que ós ameazados non lles
prestou, non lles sentou nada ben o método que usou para que a estrada seguise
o seu camiño. Pero, como todo progreso, ten o seu aquel, e uns saen ben parados
e outros saen un pouco escaldados. Aínda que, hoxe en día, non creo que ninguén
critique ese “a punta de pistola” do Coronel... polo adianto e pola comodidade
de trasladarse desde Astariz ata A Armada ou viceversa.
Café Bran de Ourense. Luns, 5 de
outubro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario