Estou
só na cafetaría. Xa hai un bo cacho que tomei o café. Lin un xornal e repasei
uns datos dun personaxe que quero sacar en Testemuñas da Memoria. Ía escribir
sobre el, pero o tempo pasa e xa non me queda tempo. O tempo, cando quere, é o
demo, é dicir, pasa de présa. Outras veces pasa a modiño. Pero ese é outro
asunto. Sigo só. Os vídeos musicais da televisión sucédense nesta soidade
tranquila. Si, hai soidades terribles, espantosas, tremendas. Esta é tranquila.
O tempo pasa e teño máis cousas que facer. Hai que mercar para comer. Hai que
ler un pouco antes de recoller ós rapaces. Fóra, agora mesmo, non chove. Pero é
coma se chovera… apálpase, nótase a humidade. Unha moza canta e baila na
televisión. O ritmo da canción é rápido. Entrou unha clienta, pediu e saíu para
a terraza. Ou sexa, sigo só. Escribindo, claro. Outeando o horizonte, é dicir,
a rúa; non hai máis alá. Máis alá só están os edificios da outra beirarrúa.
Agora é outra moza a que chouta uns valos noutro vídeo musical. Dixen que os
vídeos sucedíanse uns a outros? Pois iso. Sigo só. Voume. Queda isto sen
clientes.
Café
Oren Express da Valenzá. Xoves, 5 de novembro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario