Unha semana máis (e van…) segue na palestra o asunto da
escisión de Cataluña e dos refuxiados que chegan a Europa. O de Cataluña
semella que o bolo de neve vai a máis e do que, eu, sinceramente me alegro; e o
dos refuxiados, pois o típico, que segue sen ter nome o que está a acontecer
con eles.
Pero tamén, como case todas as semanas, sempre hai algunha
nova que alegra un pouco a alma e que nos libra un chisquiño desa realidade
política, traidora e, por que non, porca e pesimista. A nova que me chamou a
atención, por simpática e orixinal, foi a dunha muller austríaca de 85 anos que
esgazou, que desfixo por completo un millón de euros en billetes para non ter
que deixarllos ós seus herdeiros. Fixo ben, carallo! Vai ti saber, ó mellor
estes non o merecían. Seguro que non. Cando nos llos deixou… E non chegándolle
con iso, tamén escachizou as contas de aforros. Veña, lambóns, á miña conta non
ides vivir, tal como me tratastes. Certo que a mulleriña puido deixarllos a
alguén ou a algunha institución que realmente os necesitase, antes de
esnaquizalos. Pero ó mellor igual pensou que se llos deixaba a alguén igual se
volvía cobizoso, avarento e nugallán coma os seus. Mira, mellor é que os esgace
e que cada quen se busque a vida como poida. E rachounos. Fixo ben, carallo!
Contada a anécdota, toca volver á realidade; que non é outra
que aturar, a partir de agora, a todos eses políticos que xa iniciaron a súa
campaña electoral. Queda un mes e hai que disparar a treu, sen orde nin xeito.
Café Perla 6 do Campus Universitario de Ourense.
Venres, 6 de novembro de 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario