viernes, 27 de noviembre de 2015

NA ILUSIÓN DUN SOÑO


 
               Tres raios de esperanza habitan na ilusión dun soño. Espero que algún día as bombas sexan e teñan sabor a pantrigo e que as fames sexan a fartura dun arroto que se escapa unha e outra vez. Quero viaxar ós países da fame montado en todas as cores do arco da vella e que cada pinga de orballo se volva desexo compartido na esperanza de todos os días. Deixo caer nun recanto da harmonía a ilusión dun sorriso que corre polas corredoiras desa pel vella que marcan os regos dunha vida sen descanso, sen acougo. Hai versos escritos que debuxan toda unha ansiedade de busca da liberdade, de busca da paz. Que complicado é entenderse entre o bruído, entre o estoupido de catro bombas e o estalido de centos de balas. Que medo dá atoparse coa morte inocente daqueles que non saben o porqué de certas actitudes e de moitas maldades. Non obstante, e a pesar dos pesares, a esperanza segue aí, na ilusión dun soño. Que bonito é soñar esperto. Que bonito sería dar bicos con sabor a pantrigo. Certos personaxes deberían cocer pan no forno das bondades para escapar das súas ignorancias.

               Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 26 de novembro de 2015

No hay comentarios:

Publicar un comentario