Hai pouco estivo un chisquiño de
actualidade a causa dos ex alumnos do colexio dos Milagres cando, estes, lle
realizaron unha homenaxe ós paúis Emilio Graña, Manolo Peleteiro e José Luis
Nieto. O chisquiño vén porque Sergio Fierro, aínda que non estivo presente (hai
cinco anos que faleceu), si o nomearon como un dos que apoiaron a Graña no
cisma que mantivo contra altas estancias eclesiásticas e políticas e que
rematou coa expulsión do colexio dos homenaxeados. E dos que os apoiaron, pois
á parte de Fierro, tamén estaba o director do centro Odilo Cid..
Mais esta reportaxe sobre Sergio
Fierro Bouzas non vai versar sobre ese apoio, nin sobre a súa dedicación
relixiosa, tampouco sobre a súa actividade no colexio: profesor de literatura,
entre outras (antigamente nos colexios os profesores tiñan diversos cometidos;
por certo, un dos mellores profesores de literatura que tiven) Esta reportaxe
quero enfocala como adestrador do equipo de fútbol de Baños de Molgas. Lestes
ben: como adestrador, un cura adestrador.
Sen presumir de altruísta e, por
suposto, sen recompensa algunha, O Fierro, xa fóra do colexio dos Milagres,
deixaba durante unhas horas os traballos de labranza que estaba facendo na súa
casa familiar de Calvelo, na parroquia de Lama Má, e achegábase ata un recanto
da Pitediña, en Baños de Molgas, para adestrar ós xogadores do C.D. Molgas.
Ata aquí todo normal, e todo
dentro da lóxica dunha actividade que había que realizar e dun deporte que
gustaba. A el tamén lle gustaba, pois por varias veces e durante os nove anos
que se tirou no colexio dos Milagres, adestrou ós equipos do mesmo de todas as
categorías habidas e por haber, tanto de fútbol (onde este colexio foi unha
auténtica potencia en toda Galicia) como de balonmán. Pero axiña chegou o
insólito, o ilóxico da situación: que moitas tardes/noites a calquera
afeccionado que tivera dous dedos de fronte íaselle a alma os pés cando vía,
sobre o verde céspede da Pitediña a tres, a catro ou como moito a cinco
xogadores adestrando. Recordo unha noite, acabado de chegar de Madrid, asistín
a un adestramento (era unha ilusión enorme ter un equipo de fútbol na
localidade) e quedei pampo cando O Fierro lle daba ordes a tan só tres rapaces.
Eu sabía da actividade, da axuda que realizaba na casa familiar e pensaba nesa
hora ou horas perdidas por culpa duns compromisos que tan só el cumpría. O ser
humano sempre foi moi propenso a apuntarse a calquera bombardeo, pero á hora da
verdade, se te vin xa non me acordo, acochamos as cabezas como as avestruces.
Que pensaría el da palabra dun colectivo?
Sabía que morrera e sabía máis ou
menos o ano en que acontecera o fatal desenlace, pero foi preparando esta
reportaxe cando me sentín abraiado polo seu falecemento. O día 3 de maio de
2010, ás 11.45 da mañá, na mesma porta da residencia dos paúis de Xixón, na
mesma rúa, caía fulminado vítima dunha aneurisma. Fora a Xixón para participar
no funeral e enterro dun antigo compañeiro seu. Vaia ironía! Como se ve, o
destino non anda con caralladas.
Sergio Fierro Bouzas, O Fierro,
quizais fose un chisco austero, algo reservado, incluso serio, pero cando
acudías a el, alí estaba: atento, ata cordial, sen levantar a voz e dando auténticas
clases de educación, incluso naqueles tempos nos que sabían que podían facer e
desfacer ó seu antollo; falando na xerga colexial: non era abusón. Recórdoo
sempre co brazo esquerdo dobrado sobre o peito e o cóbado dereito descansando
na man aberta esquerda, e con dos dedos da man dereita apoiados sobre as
meixelas. Así paseaba e así escoitaba as respostas, as explicacións dos seus
alumnos O Fierro, tranquilo, sosegado... e mestre en todo. Cura, profesor,
labrego, adestrador... unha gran persoa.
Café Oren Express da Valenzá.
Martes, 27 de outubro de 2015
Publicado en La Región o
venres, 20-11-2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario