O
venres, 7 de abril, tireime ata a media tarde co dilema de a que
presentación literaria asistir. Resulta que ese día celebrábanse
en distintos lugares da cidade das Burgas tres ou catro presentacións
de libros e, para máis aquel, practicamente á mesma hora. Ata a
propia muller se deu conta da miña angustia, da miña loita
interior. É máis, lembro que fomos andando ata o centro de Ourense
e no Xardín do Posío aínda non sabía a que acto iría. Finalmente
optei pola presentación do libro "Un lugar a donde ir", da
autora viguesa María Oruña.
Certo
que sempre estivo no meu pensamento un grao máis arriba das outras
presentacións (pero eu son dos que cambio axiña de parecer; nos
cines ía con moita antelación para non facer cola ó sacar a
entrada e, ó mellor, dous minutos antes de abrir, zas, mandaba a
película a tomar vento), digo que estivo un grao máis porque lera
no seguimento que lle fixera polo San Guguel que María Oruña xa
publicara un libro titulado "Puerto Escondido", que tivera
un gran éxito e que xa o traduciran a algúns idiomas estranxeiros,
que, por certo, para ser a primeira novela non estaba mal, nada mal.
Moitos autores botan media vida para que os lean fóra das nosas
fronteiras. A outros nin tan sequera os len no noso país.
Tomada
a decisión teño que dicir a día de hoxe que non estou nada
arrepentido de asistir ó café El Cercano, porque alí presenciei
unha das presentacións máis amenas e máis simpáticas de todas ás
que teño asistido. A María Oruña notábaselle que non era das
primeiras veces que se enfrontaba ó público. Logo, para máis
carallos, era simpática e guapa. Con desenvoltura, con moito xeito
fixo as presentacións dos dous compañeiros de faladoiro que a
arroupaban (Nacho Guisasola e Lourdes Álvarez, do blog literario
Planeta Eris) e, logo, falaría da súa novela e da súa vida. Pero
antes foron os seus compañeiros os que debullaron un chisco a novela
"Un lugar a donde ir", mesturándoa con "Puerto
Escondido". Porque aínda que esta non é unha continuación
daquela, si ten ós seus personaxes principais na mesma.
En
"Un lugar a donde ir" axiña nos atopamos co talento
narrativo da autora e descubrimos ó momento unha historia de ficción
moi entretida, pero, iso si, moi seria. Novela híbrida, con
misterio, aventura e acción, que reflexiona con pingas de literatura
cara á onde nos diriximos. Novela coral con tres fíos argumentais:
presente, pasado e reflexións dun personaxe. Os procedementos son
reais, practicamente todo está baseado na realidade, aínda que a
acción se presente coma un xogo. É unha auténtica potencial viaxe
no tempo, con moitas tramas e subtramas. A verdade é que o libro é
tan especial que, incrible, xa vai pola segunda edición.
Certo
que tanto éxito vén amparado pola súa primeira novela, a citada
"Puerto Escondido", que viu a luz hai dous anos, no 2015.
Pero, ollo!, antes tirouse máis de medio ano mandándolle correos a
todas as axencias literarias do país ata que unha aceptou
representala e fíxoo tan ben que axiña lle vendeu os dereitos de
"Puerto Escondido" a Destino e a outras editoriais
estranxeiras. Aí é nada.
Antes,
un chisco antes xa escribira un libro con abondo contido xurídico
(María Oruña é avogada laboralista e mercantil), "La mano del
arquero", que ben falando sobre a amizade e a maternidade e que
tende a explicar que é o acoso laboral e poñendo os medios legais e
humanos para enfrontalo. A autora axiña se pasou á novela negra ou
de misterio. Colleu dous personaxes principais, a tenente da Garda
Civil Valentina Redondo e Oliver Gordon e con eles pódese dicir que
empezou todo. Perdón, coa calidade literaria de María Oruña. Agora
mesmo xa anda coa terceira aventura desta parella protagonista. E
logo xa quere meterse cunha que se desenvolva en Galicia, porque
estas dúas últimas están a descubrirnos a comarca de Cantabria (o
pai da autora é de alí e desde pequena visita de continuo esa
rexión)
María
Oruña naceu en Vigo o 25 de novembro de 1976 (41 outonos). Estudou
bacharelato e COU no colexio Salesianos da cidade olívica. Pola UNED
sacou a carreira de Dereito e exerceu de avogada, primeiro, para
entidades bancarias e, logo, para un bufete internacional durante
varios anos. Foi tras a súa maternidade cando se lle deu por poñerse
a escribir, a pesar de que di que "escribir é unha exposición
brutal". Imaxino que porque aí asoma todo o que levamos dentro,
creo que é algo así como espirse ante o público, con todo o que
isto implica. Documéntase durante meses, fai esquemas, busca e
rebusca en moreas de libros e, o máis importante, que é como unha
lupa fixándose en todo o que desenvolve ó ser humano, desde os
xestos e as maneiras ata as accións e os actos que leva a cabo,
porque "saco os personaxes para os libros da vida real".
Será unha gran escritora. É xa unha gran escritora.
Café
Oren Express da Valenzá e Finca Fierro. Domingo, 16 de abril de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 05-05-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario