miércoles, 24 de mayo de 2017

UN CERO Á ESQUERDA


Chámome Saratoga Baby e son a quintaesencia da sexta emenda, é dicir, un cero á esquerda. Aínda que ó mellor son o bulebule do centeo ou o axóuxere do vento. Nacín de Dentes de Cabalo e de Laverca Sentada, meus pais arapahoes de cando os indios aínda non eran ianquis. Nacín no cabo dunha pradaría baixo a sombra dunha serra. A serra era moita serra; estaba chea de picos e nubes mestas.
A miña escola estaba nas pegadas das rodas da dilixencia, onde aprendín que esas marcas ían case sempre en liña recta. O meu pai Dentes de Cabalo bisboume ó oído: pilla a metáfora. Eu, claro, non a pillei; tan só vía uns reguiños rectos. A miña nai, Laverca Sentada, sorríame a pasábame a man pola cariña. Canto amor había nese agarimo! Cando subía ó alto da serra, ó outro lado estaba o home branco, que seica xa eran palabras maiores. Claro que a Saratoga Baby ninguén o acovardaba. Mais, por se aquel, baixaba axiña para a pradaría para seguir sendo a quintaesencia da sexta emenda, ou o que é o mesmo, un cero á esquerda.

Finca Fierro. Mércores, 24 de maio de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario