viernes, 12 de mayo de 2017

PROÍDO NOS OLLOS


Pícanme os ollos. Refrégoos. Ou ráñoos. É dicir, que rasco neles coas mans. Coas dúas xuntas. Ó acabar, miro para o ordenador ou para a televisión, pero axiña esgaduño no ollo esquerdo coa man esquerda. Ou sexa, que o esfrego. Din que os ollos son moi delicados. Serán. Pero cando raño neles, péchoos. A ver se pensades que son parvo!
Por que arruño tanto neles? Porque me proen. Acaso non o dixera xa! E pícanme ou dóenme pola canseira. Por culpa das leiras e máis leiras que teño que escribir nun ordenador. Por culpa de áreas e máis hectáreas que teño que introducir nun programa informático tan mal deseñado que te deixas a vista nel, cos números que se confunden uns con outros, con infinidade de cuadrículas que che fan bailar os ollos cando intentas seguir a correspondente liña. E logo de todo un día dálle que dálle é normal que os meus ollos digan basta. Non lles fago moito caso porque, a proba, é que estou escribindo nun ordenador no que teño que forzar a vista. Non hai cabeciña!

Finca Fierro. Venres, 12 de maio de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario