O
símil máis coñecido dos soños quizais sexa o cine
(e de aí vén a famosa expresión “fábrica de soños”); non
obstante, a realidade é que quen nos transporta ó mundo dos soños
é a maxia. Ata creo que a propia palabra o di: maxia, é dicir, soño
real aínda que sexa mentira ou a imaxinación pasada á realidade, á
verdade. Como non vai soñar un se estando todo tranquilo sentado
nunha butaca dun auditorio alguén che toca na cabeza e desta, de
súpeto, saen luces de cores! Como non vai soñar un se, sen ser neno
e estar arrodeado de nenos, alucinas coma un neno ante a maxia do
Mago Teto! Os soños son pura maxia! A maxia é un soño continuo!
Cando
o Mago Teto sacou esas luces da miña cabeza souben ó momento que
tiña luces para unha reportaxe, para esta reportaxe dese mozo que
nos fixo soñar un pouco ou un moito a todos, tanto ós ananos, coma
ós adultos e coma ós máis indiferentes.
Presentouse
o tal mago o venres 21 de abril na Casa da Cultura Manuel María de
Barbadás e dentro do evento do que xa falei tamén o día que
escribín sobre a distribuidora Culturactiva, o de Terra Máxica. A
maiores desa maxia que fixo brotar, que fixo abrollar da miña cabeza
(e da de moitos máis espectadores, todo hai que dicilo), axiña
meteu no peto a todo o aforo (completamente cheo) do salón de actos,
máis en concreto, claro está, ó público infantil. Xa é sabido
que os nenos son os que máis e mellores soños teñen..., o que pasa
é que ás veces, se se lles dá moita confianza (que axiña a collen
pola man), sóbense á chepa nun chiscar de ollo e, como se adoita
dicir, alborotan o galiñeiro. Pero que todo sexa polo seu
divertimento.
Os
magos non son magos se non fan participar ós nenos, en particular, e
a todo soñador, en xeral. O Mago Teto probou, primeiro, con nenos e,
logo, en sorte, o maldito avión de papel que lle lanzou ó público
foi dar, maldita sexa!, á derradeira fila da sala, o que demostra
que tal aparello estaba ben feito ou tocado coa variña máxica, e
non como aqueles que faciamos nas aulas dos Milagres que aterraban ás
primeiras de cambio, ou sexa, nas primeiras butacas. O del non, o del
voou, voou e voou coma os soños ata a derradeira fila.
Definitivamente aterrou ante o servidor que escribe. Manda truco en
Baños de Molgas! Porque o asunto era tal que, a quen lle caese, tiña
que participar no xogo, na maxia. Lembro que desde cativiño, de
cando os magos ían polo Café da Rosita, non volvera subir a un
escenario. O Mago Teto primeiro fíxome participar desde a propia
butaca berrando de cando en vez “aquí está o avión!” e, logo,
xa me fixo subir ó escenario para viaxar, os dous, ata o Xapón. Alá
nos fomos ata o Imperio do Sol Nacente. Aí é nada! Non é por
gabarme, pero creo que no “numerito” do avión gozou o mago,
gocei eu, riu a escachar o público e soñamos todos.
Non,
o mérito non foi meu. O mérito foi e é dese mozo que na realidade
chámase Héctor Guerra, nado en Viana do Bolo, o día 2 de maio de
1977. Acaba de cumprir os 40. Segundo confesión propia, sentiuse
atraído pola maxia desde xa moi pequeno e realizou a súa primeira
actuación pública o Día das Letras Galegas de 1992. A partir de aí
xa foi un correr e non parar: máis de 500 actuacións por todas as
táboas do país, do mundo e parte do estranxeiro: desde París ata
Bilbao, desde Madrid ata o teatro Principal de Ourense, pasando por
Lisboa e a Praza da Quintana, participando en programas televisivos
de distintas canles, en vodas, bautizos e festas de gardar; asistindo
a congresos de maxia de ámbito, nacional e internacional, para
rematar facendo o imposible, ou sexa, maxia, como conducir ás cegas
un coche, chapar unha bala cos dentes (sen efectos especiais dos
ianquis nin rabo de gaitas), liberarse coma un paxariño dunha camisa
de forza nas condicións máis adversas (non imaxinedes unha película
porque é aínda peor) e, a bomba xa!, predicir, adiviñar os
titulares de prensa cunha semana de antelación. Pura maxia!
Auténtico crack!
Café
Oren Express da Valenzá. Venres, 5 de maio de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 26-05-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario