martes, 8 de agosto de 2017

A DOMINACIÓN DOS BÁRBAROS


    Desde que teño uso de razón, Baños de Molgas viviu case sempre, politicamente falando, baixo a influencia do conservadorismo, do totalitarismo, polo que sería raro que a miña vila se desbandase en asuntos, por exemplo, escandalosos ou algareiros; é dicir, uns santiños, un concello que seguiu sempre os regos marcados polo Estado.

Non obstante, hai pouco atopeime cunha nova do mes de novembro de 1887 que me deixou un chisco co sorriso nos beizos e coa alma rebelde. Semella que nesa época os meus antergos alborotaron de carallo a vila que alguén denunciou "unha nova manifestación tumultuosa e salvaxe, durante a que se proferiron insultos da peor caste, con xeral desagrado das persoas sensatas, que van perdendo a esperanza de que se poña remate a tan criminais excesos". Faise entón preciso que o señor gobernador civil chame ó alcalde de Baños de Molgas para cantarlle as corenta. Se non haberá que admitir que se iniciou nesa parte da provincia a dominación dos bárbaros. Houbo un tempo en que Baños de Molgas era rebelde.

    Finca Fierro. Martes, 8 de agosto de 2017

1 comentario: