viernes, 25 de agosto de 2017

OS DOUS BADULAQUES



            Quixen falar con Deus para pedirlle explicacións sobre a inercia dunha troita cando remansa nunha parte do río Arnoia no cruce, ou mellor dito, na desembocadura do río de Tiora e nin tan sequera se dignou mirarme. Iso chegoume ó corazón. Ou a alma… por aquilo de se é algo máis espiritual. Recoñezo que me amolou, que me doeu a súa indiferenza. Claro que onde as dan, as toman. Ai si!, pois largo a ver ó teu gran opositor, ó teu gran antagonista.
E sen andar con días santos baixei ás profundidades do averno e, como non, alí me atopei co gran satánico. Quixen pedirlle explicacións sobre a claridade do ollo birollo de Rosita, A Petancas, cando intentaba mirar o reloxo do campanario da torre da igrexa de Baños de Molgas. Que dis, oh?! Tal cal me soltou o diaño. Eu xa empezaba a botar fume. Que me quixeran mangonear os dous badulaques do universo espiritual xa me empezaba a notar o verme no corpo. Non lle cuspín a satanás na cara porque tiven medo a apagar as súas lapas. E no profundo do meu ser, sei que tamén é necesaria a maldade neste mundo de misericordia.

            Finca Fierro. Venres, 25 de agosto de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario