sábado, 5 de agosto de 2017

OS RONSEIS DE DOUS AVIÓNS


    Cansado de observar a páxina branca dun libro, Honorato Mol Sardiñeiro imaxinou unhas liñas escritas cos ronseis de dous avións que estaban a piques de chocar. Honorato Mol, O Aviador, escribiu sobre o ronsel esquerdo as coordenadas nas que intuía que os dous avións colisionarían.

Logo de completar a liña, Honorato Mol, O Aviador, escribiu outra máis sobre o ronsel dereito coas quilometraxes nas que intuía que chocarían os dous avións. Despois, entre parágrafos, O Aviador, deixaba que a súa imaxinación acougase entre as nubes brancas de algodón que asomaban alá ó lonxe, pódese dicir que moito máis alá do infinito. Entre liña e liña soñaba cun café cortado e toda unha tarde contemplado o ir e vir dunha rula polos camiños do alento ou do recordo. Honorato Mol, O Aviador, cerrou o libro e coas súas mans brancas quixo tocar os ronseis dos dous avións que estaban cada vez máis cerca. O único que conseguiu foi cubrir, tapar o percorrido desa incógnita. Abriu de novo o libro pola derradeira páxina e cun lapis de carpinteiro escribiu a palabra FIN.

    Finca Fierro. Sábado, 5 de agosto de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario