lunes, 14 de agosto de 2017

FACHÓN PRENDIDO


    Quero ser verme luceiro nunha noite sen estrelas e quero ser folla revirada nun carballo seco. Non todos os tempos marcan o ritmo de algo que quixo ser e non foi. Non todos os acontecementos acontecen. Simplemente quedan en intento. Dinah Washington marca o ritmo musical nesta noite que xa hai moito que é noite. Penso que ese mesmo ritmo o pode marcar moi perfectamente na hora de soñar, por exemplo. Hai músicos que estarán sempre aí, tempo tras tempo. Quero ser arco da vella nunha treboada de primavera e quero ser fachón prendido nunha escuridade eterna.

Calquera camiño que te leve polas pegadas dun desexo sempre chegará a un cruzamento no que a incerteza dunha dirección te fará suar incluso baixo unha sombra de ansiedade. Non queda outra que sentar ante unha pedra perpetua, rabuñar no seu mofo e confiar en que a pinga de suor que caia marque a ilusión dun querer ir na procura da felicidade plenaria. Quen acada a satisfacción completa nunha ventura de momentos?

    Finca Fierro. Domingo, 13 de agosto de 2017

No hay comentarios:

Publicar un comentario