Desde o momento en que vin que se anunciaba nas redes
sociais e no programa do concello de Barbadás "E no verán?... refréscate
coa cultura" a actuación de The Tetas´ Van no parque da Solaina, de que
era ás nove da noite e de que, aínda sendo xoves e me tocase traballar pola
tarde na viña, souben ó momento que podía velas e que tiña intención de velas.
Porque o que chegaba ós meus oídos sobre a súa música era cousa bonita.
Despois, por sorte e por culpa do tempo climatolóxico, non fun á viña, pero,
por desgraza, e tamén por culpa desa climatoloxía, a actuación houbo que pasala
do parque da Solaina á Casa da Cultura Manuel María.
De corazón, gocei escoitando a súa música, pero a The
Tetas´ Van hai que escoitalas, gozalas e vivilas ó aire libre. A súa música é
para bailar, incluso para poñerse un pouco tolos a causa do ritmo frenético dos
seus temas. Normal, case todos eles pertencen ó xénero do rock. E xa sabemos
como se vive o rock. Non obstante, tamén adoitan meter polo medio algo de swing
e blues, por exemplo.
En cada introdución ou limiar que se fai deste grupo,
sexa nos medios de comunicación ou nas presentacións publicitarias, adoitan
axuntar, engadir a coletiña de "chegou a revolución en feminino!
(asegúrovos que si!). The Tetas´ Van somos un grupo de mozas na súa maioría
-aínda que tamén contamos con algún raparigo nos nosos cabarets- que pretende
reivindicar o papel da muller e da lingua galega no escenario. Aínda que somos
especialistas en versións, o noso obxectivo é de divertir transmitindo,
reivindicando e loitando contra as inxustizas (sabemos que hai moitas) que
nos tocan a todos e todas a través da nosa lingua galega".
O grupo formouse en 2011 para participar nun concurso
musicando un poema de Carvalho Calero (Ricardo Carballo Calero) e así crearon o
tema "Luisa Sorriso". A
formación inicial estaba composta por Paula Conde tocando o baixo, María
Mendoza pasando os dedos polo teclado, Lorena (Lore) Negreira dálle que dálle á
batería e Lucía Gil poñendo a voz. Axiña houbo colaboracións de distinitas
persoas nos ventos, e na guitarra comezou Gundi Prol, que deixou o grupo un ano
máis tarde, pero ficharon ó momento a Omar Reza. No abril do 2012 incorpórase Irene
Somoza para darlle fol ó saxo. Cando marchou Paula apareceu Raquel Huete e
cando marchou esta (porque a xente, a vida é un continuo ir e vir) asomou Pablo
Supermirafiori co seu baixo colgado do pescozo. Por certo, este xa colaborara
noutras ocasións. Resumindo, os que están hoxe, e que foron os que actuaron na
Valenzá o xoves, 6 de xullo, son Lucía, María, Pablo, Lore, Omar e Irene.
Lin por algún lado unha confesión de Lorena (a da
batería) que me fixo graza ("O meu esquelete axítase e colle vida propia
con calquera ritmo e o sorriso é o meu mellor agasallo"). Porque lede
agora o que anotei eu a pé de escenario, con poca luz, nun pequeno papel que
levaba no peto do pantalón, e antes de ler esa declaración súa: "Lore
Negreira goza nos temas como nunha pascua e canto máis avanza a actuacíón máis
grande se fai o seu sorriso. Non sei por que, pero dáme que é a alegría da
casa". Creo que acertei de cheo.
Sabemos que ata a algúns grandes se lles pon costa arriba
vivir deste mundo musical ou da farándula. Imaxinade entón os que empezan; polo
que, claro, nos lles queda outra que abrirse camiño, botar o pé adiante na
procura doutras tarefas, doutras profesións. Así, Lucía, Lore e María son
profesoras. Irene traballa nos servizos sociais como persoal sanitario. Omar
traballa en temas relacionados coa automoción e Pablo seica é un
"mañoso", un multitarefas, ata o punto de colaborar incluso en
algunha rodaxe televisiva. Irene é da Coruña, María de Asturia e os demais son
de aquí, de Ourense. A asturiana é compositora e acaba de recibir no gran París
de Francia o segundo premio no concurso internacional de composición Helianthe
coa súa peza "Devil´s dance" para saxo.
Un dos grandes obxectivos de The Tetas´ Van (este nome
saíu dunha enquisa que fixeron polo feisbuq) é o de visibilizar ás mulleres
dentro do panorama musical, normalizando a súa presenza nos escenarios, xa que
"segundo unhas estatísticas, a porcentaxe de participación de mulleres nos
festivais en Galicia (e no resto de España) é moi baixa, o que nos fai reflexionar
de que hai unha clara falta de referentes para as futuras xeracións que
queremos romper", segundo declaracións da propia Irene Somoza. E así andan
nun proxecto conxunto con Sacha na Horta, Oima e Habelas Hainas chamado "A
verbena das Irmandiñas", que ten como meta normalizar a presenza da muller
no escenario.
Cafetaría Paraxe da Farixa, Ourense. Luns, 10 de xullo de
2017
Cafetaría Paraxe da Farixa, Ourense. Venres, 14 de xullo
de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario