Son
as cinco e cuarto da tarde do venres 11 de agosto. Agora mesmo acaba
de marchar da mesa da terraza do café Brétema da Valenzá Pablo
Vázquez, con quen acabo de tomar un café e de palicar durante algo
máis de media hora. Por se alguén non coñece a Pablo Vázquez por
Pablo Vázquez, ó mellor coñéceo por MO96. E se alguén non o
coñece dunha maneira ou da outra, este molgués vai procurar
descubrir un chisquiño o artistiña que leva dentro para que, na
próxima exposición que faga das súas obras, vaiades a darme a
razón ou a quitarma. Creo sinceramente que gozaredes coas súas
creacións.
Eu
xa o coñecín o 3 de marzo pasado, cando asistín á inauguración
da súa exposición “40-20 = MO96” na Casa da Cultura Manuel
María de Barbadás. Ó velo ese día tamén caín na conta de que xa
o coñecía de vista; máis dunha vez o vira fumando á porta do
lugar no que traballa, xusto tamén na mesma rúa desta Casa da
Cultura. Claro que ó velo aí mal pensaba eu que me cruzaba cun
auténtico creador, facendo bo o dito de que a vida dá moitas
voltas. E tantas.
Como
tamén as deu a súa propia vida. Porque aínda que é galego de pura
cepa, de boa caste, naceu case na outra parte do país, en Logroño,
o día 2 de xaneiro de 1977. Conta entón con 40 anos xustos. Ós
tres meses xa se veu para Celanova. Logo estivo 17 anos en Portugal
(polo que tamén se considera portugués) e aínda que agora vive na
cidade de Ourense (por xunto á residencia sanitaria) el segue a ser
celanovés ó cento por cento. Como chegou a confesarme, “mira, xa
podo ir para a fin do mundo que toda a miña vida cultural, deportiva
e social foi, é e será sempre en Celanova”. Así de categórico.
Outra das probas do seu apego á vila é que cando realizou a última
exposición (precisamente hai tan só uns días, na ponte da
Asunción), revolveu o ceo coa terra para que os seus cadros e
obxectos colgasen nestas datas tan turísticas, tan emigrantes e tan
especiais na vila celanovesa. Non tendo ningún lugar deses que son
típicos para as exposicións (porque seica estaban todos ocupados)
el, bule que bule, furga que furga, deu cunha casa particular que,
prometo, é espectacular. Acaba de amosarma en vídeo e deume envexa;
co seu patio, co seu balcón de madeira, coas súas paredes de
pedra-pedra... nin a mellor sala de exposicións lle fai sombra.
Pablo
Vázquez ou MO96 empezou a ser artista xa desde pequeniño, desde que
o seu pai (garda civil) esculpía as raíces brancas das uces. Por
certo, empezoume a falar marabillas do seu proxenitor en plan
artístico. E con tanta admiración que un dos seus soños (ó que xa
lle está dando forma) é unha exposición en conxunto coas súas
obras. Coma todos os nenos, quixo imitar ó pai, pero vendo que non
lle chegaba nin á altura do calcañar, empezou a desviarse, a virar
cara á pintura, cara á unha pintura de aparencia escultórica pero
pintura.
MO96
ou Pablo Vázquez ten os mesmos tics ou hábitos ou xestos ca un
servidor para empezar coa súa afección: os panos de papel das
cafetarías. Eu escribo moitos relatiños neles e el é onde fai os
seus primeiros bosquexos. E dunha forma bastante orixinal. Amosoume
un exemplo: colleu os restos do café que eu acababa de tomar, mollou
a culler e pringou o pano de papel sobre o que acababa de facer uns
garabatos co bolígrafo. Aí estaba a súa forma de pintar. Xa digo,
un exemplo. Porque a realidade é que o meu café, ó ser o chamado
manchado (pouquiño café), non lle valía, non lle marcaba tan
intensamente coma o café negro. E confesou que para esta técnica, o
mellor era o café portugués.
Pablo
Vázquez ou MO96 non me soubo dicir moi ben a cantidade das súas
exposicións. Normal. Desde a primeira que fixo en 1996 no instituto
de Celanova (onde, se non!) ata esta que clausurou o día 15 nunha
preciosa casa particular de Celanova (onde, se non!), percorreu
practicamente toda a provincia de Ourense e boa parte do norte de
Portugal, así como tamén no mosteiro de Monforte de Lemos. Na
exposición de Chaves sempre conta a anécdota do gran susto que se
levou cando chegou alá para recoller os 40 cadros que expuxera e se
atopou con tan só catro. Coa cariña branca coma a neve a causa do
susto, farfallou, tatexou algo de se llas roubaran ata que viu rir ó
encargado da mostra e este lle ensinou un sobre cheo de diñeiro.
Nunca vendera ningunha obra!
As
súas pinturas mostran, revelan unha certa obsesión polas caras e os
ollos. Vense nelas versos retorcidos que, en conxunto, forman un
poema cheo de vida. En cada verso vai unha idea e en cada mostra que
fai colle todo un mundo. En cada poema hai centos de sentimentos e en
cada exposición hai toda unha obra, quizais abstracta, pero sempre
simbólica e, iso si, desenfadada e eternamente libre. Sinceramente,
estade atentos á súa propia exposición ou mostra. Paga a pena e xa
veredes como descubrides, como detectades a un auténtico artista.
Café
Brétema da Valenzá. Venres, 11 de agosto de 2017
Publicado
en La
Región
o venres, 18-08-2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario