Xa o
dicía eu. Que o atentado de Barcelona manteríanos ocupados durante moito tempo,
que é o que os terroristas querían. E nós, veña, a darlle pábulo. O sábado
houbo unha manifestación que empeza xa a traer cola, algo que se vía vir. Teño
dito xa moitas veces que cando nos bombardean cunha noticia, esta acaba
cansando. A min xa hai días que me cansou. E recoñezo que desconecto axiña.
Aínda que hai veces que case non me queda outra que opinar, porque escoito
moitas burradas. Non obstante, controlo. Porque sei que a maioría non estaría
de acordo cos meus pareceres. Certo, ó mellor son eu o que erro. Pero non me
sae da cabeza que aquelas barrabasadas traen estes bulleiros.
Outra
eiva: 36 vítimas por violencia machista no que vai de ano. Non me cansarei de
repetilo: levamos o demo dentro. Moitas desas vítimas puideron evitarse. Pero a
xustiza, ai a xustiza! E algúns veciños. Quen máis quen menos sabe o que
acontece ós seus arredores. E como somos como somos, non queda outra que
denunciar. Pero non denunciamos. Logo, pasa o que pasa.
Outra
lacra máis: os incendios. Todos os anos o mesmo. E todos os anos seguimos sen
tomar medidas; sen apagar os lumes no inverno, sen encher os montes de animais
que poidan pastar. Eu alucino cada vez que os grandes políticos asoman polos
medios para dicir que son intencionados. Dino de tal maneira coma se
descubriran a pólvora. Se 99% son intencionados!. Iso ata o sabe xa un cativo
de oito anos. Non tomando as medidas correspondentes en épocas concretas, tamén
habería que castigar máis ós pirómanos. Os incendios, hoxe en día, xa case ou
sen case están á altura dun crime, dun asasinato.
Última
lacra: a seca. Lacra este ano, claro. Porque a cousa xa pasa de castaño escuro.
Concellos tomando medidas xa contra o malgasto, contra a dilapidación das
augas. E que dicir deses lugares nos que se abastecen as cuadrillas para apagar
os lumes; xa non teñen de onde absorber o líquido elemento. Estamos perdidos!,
como diría aquel.
Finca
Fierro. Sábado, 26 de agosto de 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario