miércoles, 18 de julio de 2018

AÍNDA TEÑO SENTIMENTOS

Deito sobre a tumba do esquecemento. Pero non esquezo. Máis ben recordo. Recordo aqueles soños que quixeron ser, pero non foron. Inocente! A quen se lle ocorre soñar! Xa sei que soñar é bonito. Pero hai soños que están moito máis alá do infinito. E calquera chega a eles! Nin tan sequera Buzz Lightyear. De todas formas, non son Buzz Lightyear.
Son o que senta ó pé do nicho da señardade. E desde ese lugar contemplo o ir e vir dunha bolboreta polas corredoiras do tempo. Quero ser como a rula do conto, que vive e deixa vivir. Ou quero ser o silencio para meterme no ruído de Sabina. Con tanto ruído non se oíu o ruído do mar. Por iso sempre é bonito o silencio. O silencio que non fai ruído. Salto sobre a sepultura dunha ansiedade que quere morrer, pero que non a deixo. Non sempre se acada o que está aí, aínda que sexa lonxe. A distancia pode ser un recordo. A distancia pode ser eterna. Hai distancias que non teñen separación. Ou extensión. A distancia pode estar nun suspiro, nun salaio, nun salouco. A distancia non é quen para que a rula voe. Non voa. Deito sobre o cemiterio dos pensamentos. Aínda que, estes, nunca estarán mortos. Porque aínda teño sentimentos. Os meus sentimentos.

Finca Fierro. Mércores, 18 de xullo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario