jueves, 5 de julio de 2018

SENTADO ANTE SUDALOMBA

Grandes nubes grises cobren Sudalamoba e Gabriel Hebraco Forzudo senta na cuneta para fumar un cigarro. Gabriel, O Piollo, vai camiño dos Milagres simplemente para tomar un café alá xunto ó santuario. Fai ese percorrido todos os días e practicamente á mesma hora, ás catro da tarde, sexa verán ou sexa inverno. Ás catro, Gabriel Hebraco sae da súa casa de Baños de Molgas e, se é verán, colle un sombreiro, pero se é inverno é unha bufanda a que colga do pescozo.
Fai dúas paradas: a primeira, apoiado na varanda da ponte das Cabras para contemplar con parsimonia o río Arnoia e achicar os ollos na procura dunha troita. A segunda parada é na que está agora mesmo, na cuneta para observar Sudalomba. Porque en Sudalomba case se pode dicir que se tirou a súa infancia e a súa xuventude coas súas vacas. El só tiña tres, pero, alí, polas mañás, ás veces xuntábanse case un cento. Habendo tantas, claro, había pelexas a darlle cun sacho. Pelexas entre vacas. Pelexas entre burros. E algunha vez incluso, pelexas entre veciños. Porque si, porque somos tortos. Non obstante, ó ser rapaces, remataba a pelexa e, ale, a xogar xuntos de novo. Gabriel Hebraco Forzudo sorrí, apaga o cigarro, ergue e segue camiño dos Milagres. Mentalmente, dille adeus a Sudalomba.

Finca Fierro. Xoves, 5 de xullo de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario