Segundo unhas veces ataco á Fiscalía
porque vai en contra ou a favor de quen non debe ir, hoxe toca darlle
un voto de confianza ante a petición de que se investigue a fondo o
uso do móbil dun condutor logo dun accidente grave. Paréceme ben.
Paréceme moi ben. Como teño que viaxar todos os días empezo a ver
xa case máis móbiles que volantes. Incluso sen os ver, notas a
leguas se tal ou cal condutor está facendo uso do móbil. Pola forma
de conducir. Pola forma de reducir. Ás veces ata dubido se será o
móbil ou se será que ás sete e pico da mañá un xa vai borrachiño
perdido. O uso do móbil seica xa é primeira causa de mortalidade
nos accidentes de coche, máis incluso que o alcohol e a velocidade.
Así é que a Fiscalía xa está tardando en actuar. E non vale
bombardear con publicidade para que a xente se conciencie da
gravidade do asunto. Todos sabemos xa que unha simple distracción
pode mandar ó traste unha ou varias vidas humanas. Un simple guasap.
Unha simple ollada ó móbil que vai á beira dun porque acaba de
emitir un son de chamada ou de aviso de correo. A mellor ensinanza
para tomar conciencia é a de fortes multas e penas de presidio. O
ser humano só aprende cando lle tocan a carteira ou cando o privan
de liberdade. É certo, algúns nin así. E por culpa destes algúns,
outros van para os cemiterios.
Sempre dixen e sempre direi que a
peor desgraza dun país é a emigración. Galicia é un país
emigrante (para min, tan emigrante é o que está en Madrid ou o País
Vasco como o que vive en Suíza ou en Alemaña). Galicia sempre foi
emigrante. Pois ben, dáme unha rabia inmensa ver como emigrantes ou
fillos de emigrantes atacan con saña, con xenreira a eses pobres
inmigrantes que están facendo o mesmo que fixeron eles: buscarse a
vida. De que nos veñen comer o pan. De que nos veñen sacar postos
de traballo. Eses traballos que nós nunca quereremos. Eses traballos
que moitos malnacidos lles ofrecen porque saben que son man de obra
barata. Para min é moi triste ler comentarios de xente que se botou
por outros mundos para poder subsistir. Por iso odio tanto as
fronteiras. Porque todo ser humano ten dereito a vivir onde poida.
Quen somos nós para dicir que este cacho de Terra é noso?
Finca Fierro. Sábado, 28 de xullo de
2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario