Buscando e rebuscando en xornais
atrasados noticias sobre Baños de Molgas (tan atrasados como que son
de principios do século pasado), recoñezo que adoito atoparme,
maioritariamente, coas novas relacionadas sobre desgrazas, máis en
concreto sobre grandes pelexas, miserables pendencias e crimes
diversos. Claro que tamén é verdade que, aínda hoxe, os xornais,
acostuman escribir máis sobre os grandes sucesos que sobre as
bonanzas acaecidas nas nosas vilas e aldeas. Sempre nos queixamos que
tal ou cal lugar só asoman nos medios cando hai un desastre, un
crime, un suicidio.
Sobre pelexas e crimes xa teño
escrito diversos relatiños, polo que se continuo con eles, moitos
ata poderán pensar que os de Baños de Molgas somos uns abisinios.
En Baños de Molgas tamén hai noticias de ben, noticias alegres e,
faltaría máis, noticias culturais. Non só lle damos ó machete.
Así, no mes de setembro de 1921, no
balneario da vila celebrouse un brillante certame literario (aí
está, cultura pura), que presidiu a fermosa señorita Consuelo
Rodríguez. Á tal festa seica concorreron numerosas persoas.
Laurearon co premio de honor ó culto doutor en dereito e moi
distinguido santiagués don Homobono González, que, como non podía
ser doutra maneira, pronunciou unha fermosísima salutación e deulle
lectura á poesía premiada, que levaba por título “O tren da
vida”. Tanto a salutación como a poesía fixo que os asistentes se
puxeran de pé e aplaudiran a rachar, a esgalla. Por certo, o doutor
Homobono, no mes de agosto de 1927, sería o tesoureiro da Federación
do Colexio de Doutores de Santiago.
Neste e en calquera certame que se
prece, ten que asomar tamén o correspondente discurso deses
personaxes invitados con certo don da palabra, moitas veces para que,
simplemente, o premiado ou o homenaxeado non se sinta só. Así é
que alá saltou o director do Instituto de Ourense (o actual IES
Otero Pedrayo), don Salvador Padilla (catedrático de latín e
castelán) e, lóxico, non ía ser menos en recibir unha gran ovación
do auditorio. A ver, non vexo eu ós de Baños de Molgas (por moi
cafres que sexamos) facéndolle un menosprezo a tan eminente
personaxe.
Finca Fierro. Venres, 20 de xullo de
2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario