Se
nos anos 70 do século pasado me din que algún día asistiría a
unha charla sobre a sexualidade ou a unha presentación dun libro
sobre a sexualidade nos adolescentes, imaxino que collería a vara
coa que tanguía ás vacas e faría iso, ou sexa, tanguer as vacas,
ou o que é o mesmo, non facer nin caso da proposición, do
comentario.
O
mércores, 9 de maio, ás sete e media, marchei andando desde a Finca
Fierro ata case a fin da rúa Cardenal Quevedo para asistir, na
libraría Eixo, á presentación do libro La
lucha sexual de los adolescentes en la hipermodernidad,
escrito a dúas mans polos psicólogos Ricardo Fandiño e Vanessa
Rodríguez. O
acto presentouno Emilio López Bastos, que é o presidente da
Sociedade
Galega de Sexoloxía.
Xa
se sabe que o tempo pasa e todo cambia. Nos 70 a sexualidade estaba
tan reprimida que, agora, aínda que semella que alcanzamos o cénit
da liberación, de calquera liberación, nótase ás leguas que para
certos asuntos aínda temos un fondo reprimido, aínda
estamos nos biosbardos.
Moita
liberdade, pero como dicían os autores, á hora da verdade, alá no
fondo das entrañas, cando á xente, principalmente os adultos, lles
preguntaban algo, segue
latexando
aquel antigo
sometemento,
aquela antiga represión.
Tamén me fixo graza o momento no que
comentaron de que os pais deberían falar sen tabús cos adolescente
sobre o sexo. Sobre que? Se estamos aínda máis cegos ca eles! Hoxe
saben moito máis os nosos rapaces de 16 ou 18 anos que nós soubemos
en toda a vida. Aquela vergonza ou aquel medo a preguntar matounos. É
normal entón que esteamos cegos; pero é que os propios autores
mesmo recoñecen que nin hoxe se pode falar dunha boa educación
sexual porque aínda falta moita formación de profesionais. Que non
vale que nos colexios, por exemplo, se fale unha ou dúas horas á
semana, cando, ó mellor, quen fala non é un profesional da materia.
Ata pode incluso que fale alguén deses que viviron nas súas carnes
a persecución sexual.
A
verdade é que falar da sexualidade é moi complicado. Porque moitos
adoitamos mesturar a sexualidade co sexo, co sexo explícito. E
aquela vai moito máis alá que o propio acto sexual. A proba é que
adoitamos falar a mares sobre sexo (para vangloriar,
para presumir de que sabemos ou do valentes que somos ou da
chulería), pero da nosa propia sexualidade non dicimos un
chío.
Falar
da sexualidade é moi complicado. E moito máis se aínda por encima
o facemos negativamente. Porque o facemos sempre desta maneira. O
mellor exemplo está nas mensaxes que se lle dan ós adolescentes:
coidadiño coas enfermidades venéreas,
ollo ós embarazos, etc..
Así
é que hai que fuxir da “charla familiar”, que case sempre é en
plan negativo. A sexualidade é moito máis que iso.
Ricardo
Fandiño e Vanessa Rodríguez escribiron un libro que aporta
claridade á adolescencia e fixérono cunha linguaxe moi sinxela.
Confesan que aínda que os autores son eles, o libro é un traballo
coral, a
causa de que tiveron que botar man de diversos asesores. A iniciativa
do libro seica partiu
de alguén que un día, nunhas xornadas que adoitan facer todos os
anos, lles propuxo que por que non escribían un tratado sobre a
sexualidade. Como din Ricardo e Vanessa: “das xornadas e dos
obradoiros de sexualidade cos adolescentes e formacións cos pais,
sempre aparecen cousas que aportan e que enriquecen”.
Vanessa Rodríguez Pousada naceu en
Cangas en 1979 e con 18 anos veu para Ourense a estudar educación
especial e, máis tarde, psicopedagoxía. Desde moi nova sempre
estivo interesada por ese mundo, por esa materia, e aínda lle deu
máis impulso a este interese ó coñecer a Ricardo, que sempre a
animou a estudar a carreira. Fíxoo na Universitat Oberta de
Catalunya. Actualmente traballa como profesora colaboradora no máster
de psicopedagoxía nesa mesma Universidade. Como axiña atopou
traballo relacionado co que realmente lle gusta, e máis en concreto
co adolescencia, xa se quedou a vivir na nosa cidade.
Ricardo
Fandiño naceu
en Vigo, pero pasou a súa infancia e xuventude en Vilagarcía de
Arousa. Estudou psicoloxía en Santiago e veu para a nosa cidade no
1995 por motivos de traballo. É especialista en psicoloxía clínica
e psicoterapeuta
en adolescentes.
Ten
un máster universitario en Menores en Situación de Conflito e Risco
Social pola Universidade de Vigo e outro en Educación Sexual pola de
Alcalá de Henares. Actualmente é o presidente de ASEIA (Asociación
para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia) Comparte con
Vanessa espazos profesionais e de formación desde hai 12 anos. Polo
que se ve, estes si son especialistas na materia. Na materia sexual,
que ten o seu aquel.
Café
Paladoum da Valenzá. Domingo, 13 de maio de 2018
Publicado
en La
Región
o martes, 03-07-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario