Botando o pensamento para atrás, a
semana pasada, para un servidor, non é que deixase moitas novas
dignas de mención. Así, sen parar mentes, só me sae a morte, ós
100 anos, do primeiro presidente da Xunta de Galicia, don Gerardo
Fernández Albor, que en paz descanse, e a salvación, por fin!, dos
nenos tailandeses. Porque, claro, falar do Mundial xa non procede; e
non só porque rematase, senón porque xa falei abondo noutros
relatiños e nas redes sociais. Así é que, non habendo moito,
déuseme por buscar nos meus papeis e atopeime cunha noticia que
tamén me fixo trasladar o pensamento para tempos pasados.
A noticia, en concreto, asomou nun
xornal galego o 11 de setembro de 1913 e facía referencia á lección
dun home sobre uns “señoritos”. No santuario dos Milagres, en
Baños de Molgas, un mozo duns 28 anos, que seica estaba potente,
robusto e que respiraba saúde por cada poro da súa pel, axeonllouse
á entrada do Santuario e, de xeonllos, seguiu en dirección á
igrexa. Como se lle vía na cara que padecía abondo (digo eu que
pola penitencia e pola dor nos xeonllos), un cabaleiro aproximouse e
ofreceuse a levalo da man, algo que o mozo aceptou axiña e
agradecendo o detalle. A ver!, desa maneira era máis fácil de
cumprir a promesa.
Pero cando chegaron á entrada do
atrio, asomaron por alí catro paspáns, catro pasmóns vestidos de
señoritos, que ó ver a aquel rapazolo de xeonllos, non fixeron
outra cousa que botarse a rir. O labrego, sen andar con días santos
(por moi sagrado que fose o lugar), ergueu e repartiu moi
sinxelamente, coma quen non quere a cousa, catro labazadas que deixou
ós papaleisón coa vergonza cubríndolles o rostro. O penitente
deixouse caer de novo de xeonllos e seguiu o seu camiño para
prostrarse ós pés da Santiña do Medo. Imaxino que ante a imaxe
bendita soltaría aquilo de: aquí paz e despois gloria. A paz
impartiuna el aínda que fose polas bravas e a gloria seguro que lle
chegou tan axiña como lle suplicase á Santiña pola súa
penitencia. É esta a tal como para non contentar ós seus
peregrinos. Con todo o que lle queremos. Na miña infancia e na
adolescencia aínda vin a moitos peregrinos facendo ese percorrido de
xeonllos.
Finca Fierro. Venres, 13 de xullo de
2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario