A
xente de Baños de Molgas ten tan asumido o balneario que o vemos
simplemente coma un edificio
inmenso,
bonito e que alberga bañistas. Sempre se lle chamaron así:
bañistas. Porque van tomar os baños. Ninguén asume aquilo de que,
a maiores das reumas, artroses, sinusites,
etc,
existe a relaxación, o descanso e, hoxe en día, incluso o turismo.
Sei que de cando en vez collen ós bañistas e lévanos a visitar, a
coñecer lugares.
Pero
o balneario de Baños de Molgas é máis que un edificio e que unha
casa de baños. É unha institución pola que deberon pasar unha
boa cantidade
de xente máis que coñecida, máis que famosa. A ver, hoxe, quen
máis quen menos, pode permitirse o luxo de “ir tomar os baños”,
ou de ir a eses lugares para simplemente relaxarse.
Pero antigamente, só ían os ricos, “os señoritos”. Así é que
por aí pasaron desde ministros ata bispos, desde xente da realeza
ata personaxes pintorescos. Hai uns días atopeime nuns papeis a un
personaxe que me chamou tanto a atención que me custou seguilo por
todo o territorio español. O homiño non estaba quieto un carallo. É
que se se descoida goberna en toda España. Fíxoo nada menos que en
sete provincias!
Este
personaxe chámase José Boente Sequeiros e
na súa senectude,
cando xa cansara de andar por media España adiante, pensou que lle
ían ben uns baños no balneario de Baños de Molgas. Aseguro eu que
é o mellor lugar para desconectar, para esquecer esas trangalladas
políticas que hai sempre e que, a principios do século XX, eran de
rapar
e peitear ou de meter medo.
José
Santiago Boente Sequeiros nacera na
Esfarrapada,
pertencente ó concello de Salceda de Caselas, Pontevedra, ás catro
da mañá do 3 de setembro de 1860. Fillo de José Santiago Boente
Leiras e de Joaquina Sequeiros Rodríguez. Estudou no instituto de
segunda ensinanza de Pontevedra pero
a picardía de Boente axiña se fixo patente: o
pillabán estudou algunhas materias no Instituto de Ourense porque
seica esixían menos nas probas de exame. Non era parvo, non. Nese
tempo axiña
empezou a colaborar co rotativo El
Estudiante.
Cando rematou co bacharelato
déuselle pola carreira de Dereito en Santiago, entre 1881 e 1885. Ó
momento instalou bufete de avogado na rúa Michelena de Pontevedra,
chegando a ser Decano do Colexio de Avogados e con Manuel Portela
Valladares como tesoureiro. Ó mesmo tempo compaxina a súa labor
como redactor xefe do Diario
de Pontevedra
e
acóllese á aventura de formar unha sociedade para a fabricación de
fariñas, pan e outras industrias.
Por
esa época, José Boente Sequeiros casa con Carmen Álvarez, coa que
tivo dous fillos: o xornalista e escritor José Boente Álvarez e
o arquitecto César Boente Álvarez, que morreu en Zaragoza o 23 de
agosto de 1920, vítima dun atentado sindicalista.
Vinculado ó Partido Liberal, José
Boente foi deputado provincial (entre 1898 e 1930) e o 24 de abril de
1901 elixírono presidente da Deputación da capital do Lérez, onde
presidiu un dos actos máis emotivos: cando a cidade lle rendeu
homenaxe a José Echegaray en 1902, ministro de varias carteiras,
dramaturgo e, dous anos máis tarde, Premio Nobel de Literatura.
Con
data 26 de xuño de 1905 noméano Gobernador Civil da provincia de
Cáceres, que desempeñou durante só seis meses; ou mellor dito,
tres, xa que os outros tres estaría ausente por permisos ou
licenzas. Así é que no decembro dese mesmo ano xa o designan
Gobernador de Pontevedra, o posto que el realmente desexaba. Gobernou
Pontevedra de 1905 a 1907 e de 1909 a
1911. Neses anos promove o xornal El
Progreso
e Atilana Barros Franco será a súa segunda esposa.
No
1911 xa é Gobernador de Zaragoza, onde se atopa coas tensións entre
as clases traballadoras e a Patronal que resolveu
firmemente.
No xullo de 1913 presenta a súa dimisión voluntaria, quizais
motivada pola crise política parlamentaria liberal dese ano: o
enfrontamento entre o Conde Romanones e García Prieto.
Tres
anos máis tarde xa é Gobernador Civil da Coruña. Deste posto
cesará xa ó ano seguinte. E no setembro de 1918 noméano Gobernador
de Sevilla, do que cinco meses máis tarde o destitúen por culpa dun
conflito metalúrxico. No marzo de 1919 proclámano
Gobernador de Murcia, pero unhas semanas máis tarde seica non
aceptou o cargo. Si aceptaría o das Palmas, que sería xa o seu
derradeiro destino como Gobernador.
José
Boente Sequeiros, logo de ser considerado un home tenro e cariñoso,
renunciou
no agosto de 1940 ó seu cargo de maxistrado suplente debido á súa
avanzada idade e estado de saúde, e faleceu catro anos despois en
Pontevedra, en concreto o 18 de xaneiro de 1944.
Café
Dos Yemas da Valenzá. Domingo, 6 de maio de 2018
Publicado
en La
Región
o sábado, 21-07-2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario