Quero pensar no Mundial de Rusia,
pero non me sae da cabeza o asunto da cova de Tham Luang Nang No.
Doce rapaces con idades de 11 a 16 anos, que eran xogadores dun
equipo de fútbol local, están atrapados desde o día 23 de xuño,
xunto co seu adestrador de 25 anos, por culpa das abundantes chuvias
que alagaron parcialmente a cova. Agora teñen medo a que volvan de
novo as intensas chuvias que adoitan caer por eses lares para acabar
de rematar a traxedia. En principio, xa se cobrou a vida dun buzo que
intentaba levarlle certas provisións. E polo que lin, así a grandes
trazos, o asunto non está nada fácil para resolver e o mal tempo
climatolóxico está aí, á carreiriña dun can. Oxalá puideran
salvalos. Aínda son nenos! Ata a FIFA, por esta vez, se pon do lado
dos desfavorecidos, xa que lle promete a ese equipiño que se para o
día 15, o día da gran final do Mundial, están a salvo poderán
asistir, de invitados, o evento deportivo. A ver se o conseguiran, se
conseguiramos ver ós doce cativos, máis o adestrador, enfocados
polas cámaras de todas as televisións do mundo.
Quero pensar no Mundial de Rusia,
pero non me sae da cabeza que, de novo, o noso presidente Núñez
Feijóo volve falar “con xeito” sobre o AVE: que seguirá
vixiante para que a súa chegada no 2019 “faga xustiza”, porque a
outras comunidades chegou hai 25 anos. Hai que ter cara para confesar
que en 25 anos, el e os seus, non conseguiron poñernos á altura
desas outras comunidades. Solta iso e queda tan campante. Puido
rematar moi perfectamente con algo semellante á autovía A-52, que
se tirou a tira e máis de anos sen chegar. O dito: Galicia, o cu do
mundo.
Quero pensar no Mundial de Rusia, e
síntome como peixe na auga, porque estou na miña salsa: a de ver
fútbol e máis fútbol. Aínda así, non vin todo o que quixen. Por
exemplo, os partidos das catro da tarde puxéronseme moi mal, por
aquilo de que a viña me reclamaba unha tarde si e outra tamén. Pero
botaba man da radio e confeso que tamén gozaba coma un anano grazas
ós locutores e ós seus comentarios. Outra forma de sentir o fútbol:
cun sorriso nos beizos.
Finca Fierro. Sábado, 7 de xullo de
2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario