sábado, 6 de octubre de 2018

ÁNIMO PARA OS QUE BARRENAN

Deixa de contemplar o anverso da moeda de cinco céntimos e busca un algo polo reverso, pola cara oculta da lúa vella. Xa verás a diferenza. Nunha hai ansiedades polas que incluso se mata e na outra hai sentimentos que van e veñen como astronautas con escafandro. Deixa de esbardallar, de baduar contra catro ideas duns que presumen de entendidos e pon sobre a mesa todo un máster de sabedoría popular ou, mellor aínda, sobre o xuízo de todo un pobo. Seguro que neste, no máster, non hai trampa nin cartón. E agora que cada un saque as súas propias conclusións.
Pode soñar con convivir no niño dunha rula, por exemplo, ou pode versificar que un río, un río calquera, leva a suficiente auga como para limpar os pensamentos que se embulleiraron nuns minutos de silencio. Tamén, cada un, é moi libre de bailar sobre a punta dun dedo ou de cantar a dúo un responso pola alma de quen morreu por amor ás tantas da madrugada. Ou incluso lle pode berrar ó silencio desde calquera outeiro do monte Medo. Tamén pode botar unha sesta sobre un penedo. Cousas máis raras se teñen visto neste vida de catro reviravoltas e un descanso eterno. Pero eu son dos que pido ánimo para aqueles que barrenan.

Café Paladium da Valenzá. Venres, 5 de outubro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario