domingo, 14 de octubre de 2018

O MISTERIO DAS CRUCES BRANCAS

Xa levamos uns días nos que o misterio aumenta. E todo o que sexa descoñecido, encántanos. Falo das famosas cruces brancas que empezan a asomar polas estradas ourensás. Ninguén sabe aínda quen as pinta. Uns falan dalgún estudo topográfico, outros de algo relacionado co catastro, hainos que optan incluso polos extraterrestres (ai, oxalá, por Deus!), aínda que eu penso que máis ben será algún palerma, algún paspán que anda coa cruz ás costas e, claro, nos descansos pousará e quedará o sinal.
Quéirase que non, hai cruces que pesan moito. Quéirase que non, hai xente que non sabe levar a cruz ás costas. Hai que saber levalas. Non todo consiste en queixarse. Tamén podía ser moi ben o noso señor Xesucristo camiño do monte Calvario, pero quen vai crer iso, se hai xa 2018 anos que morreu, o pobre. Porque iso da resurrección a min non acaba de entrarme. Ou serán cruces inmaculadas? Polo de brancas. A verdade é que o misterio está aí, sobre os camiños ourensáns. Canto mellor iría pintarlle a todas as estradas só que fose unha liña branca polo medio e non esas trapalladas. Unha liña polo medio si é gloria bendita para cando se conduce con néboa. E hai moitos lugares na nosa terra nos que asoma a néboa máis espesa.

Finca Fierro. Domingo, 14 de outubro de 2018

No hay comentarios:

Publicar un comentario